CIG-Ensino cualifica como “decepcionante” a oferta de emprego público para 2018

CIG ensino

Reprocha a Educación que non negociase especialidades nin número de prazas da OPE e que a distribución das convocadas non se poña en común coas xubilacións nin se avalíen os efectos no persoal interino.

Unha oferta pública de emprego (OPE) ”decepcionante” e que mostra, máis unha vez, a “soberbia” da Consellaría de Educación. CIG-Ensino reprochou na reunión da Mesa Sectorial as “formas e fondo” do departamento autonómico, que se apresentou na xuntanza co reparto fechado das 2.050 prazas da OPE deste ano. Unha reunión, aliás, que se producía após o conselleiro anunciar xa as especialidades a convocar e o presidente da Xunta o número de prazas, sen a mínima posibilidade de negociación cos sindicatos. Chegábase á reunión, pois, con “todo atado e ben atado”.

 

Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, lembrou os acordos asinados polos sindicatos estatais co ministerio e consellería nos que, dixo, “se dá vía libre a que, nos próximos anos, non se convoque ningunha praza a maiores das existentes actualmente”.

 

Se o acordo fixa como tope a cifra de 30.000 docentes orzamentados para o ensino público galego non é posíbel reducir as rateos de alumnado por aula nin recuperar as 18 horas de xornada lectiva en Secundaria e as 21 en Infantil e Primaria

 

CIG-Ensino informa de que o seu representante na Mesa expuxo que a actual OPE non cumpre coas expectativas, nin desde a perspectiva de servizo público nin desde a das necesidades do persoal docente. “Sen incremento nos cadros de persoal non é posíbel mellorar a calidade do ensino, nin reducir as itinerancias, nin a impartición de afíns disparatadas, nin atender correctamente o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE)“.

 

Se o acordo fixa como tope a cifra de 30.000 docentes orzamentados para o ensino público galego non é posíbel reducir as rateos de alumnado por aula nin recuperar as 18 horas de xornada lectiva en Secundaria e as 21 en Infantil e Primaria, advirte o sindicato nacionalista.

 

Para a CIG-Ensino, a actual OPE deixa nunha posición vulnerábel o persoal interino que presta servizos en Galiza (3.828 docentes segundo dados de comezos de curso, que actualmente é unha cifra superior á que hai que engadirlle as miles de persoas que teñen contratos de substitución).

 

Segundo a información proporcionada pola Consellaría en resposta á solicitude da  CIG-Ensino, os dados da taxa de reposición son os seguintes: 1.028 xubilacións, 28 falecementos, 16 excedencias con perda de praza. Un total de 1.072 ás que se lle engaden 581 por riba da taxa de reposición e 397 prazas de promoción interna.