CIG Ensino critica que os orzamentos reflicten “o inmobilismo” da Xunta

CIG Ensino advirte que os retallos continúan.
A central sindical nacionalista sinala nunha nota de prensa que o anteproxecto de lei de orzamentos mantén os recortes para o profesorado e o ensino público.

“O borrador que foi presentado aos sindicatos na Mesa Xeral das Administracións Públicas non contén ningunha novidade e mantén a regresión de dereitos da última década”, resume o comunicado da CIG o resultado da reunión na que os directores xerais de Orzamentos e Función Pública presentaron o anteproxecto de lei de orzamentos.

A CIG advirte que a suba nos salarios non serve para recuperar o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores e, engade: “a non ser que o Goberno estatal publique antes de xaneiro un Real decreto Lei aplicando a suba de 2%, en xaneiro comezaremos co salario conxelado”. Ademais, a central dá por feito que “non imos chegar ao incremento do 3% que se nos vendeu polo goberno de Raxoi e os sindicatos estatais, ao estaren previsións moi lonxe de 2,5% de incremento do PIB que se sinalaba como requisito”.

O sindicato láiase de que no trámite das contas públicas para 2020 se repetiron erros de anos anteriores, e sinálaos: “a imposibilidade de negociación, o simple cumprimento preceptivo da presentación ás organizacións sindicais e mantemento dos recortes tanto a nivel laboral como de políticas educativas”.

CIG Ensino denuncia ademais que nas extras todo o funcionariado cobra desde o 2012 as pagas recortadas (903,66 euros menos ao ano no caso dun docente do grupo A1 e 553,42 euros dunha mestra do grupo A2, en ambos casos sen antigüidade), e que mentres o datos oficiais ofrecen unha ratios boas (produto do elevado número de centros e a súa dispersión) “a realidade é que temos aulas saturadas no medio urbano e con aulas mixtas no medio rural”. “É preciso reducir as ratios, especialmente cando hai alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou repetidores”, conclúe.