CIG-Ensino concentrarase esta sexta feira para exixir a demora do comezo do novo curso

Protesta de CIG-Ensino en Santiago a comezos de xuño. (Foto: Nós Diario)
A través dun comunicado, o sindicato maioritario nos centros públicos galegos denuncia que o final do curso 2021/22 e a planificación do vindeiro están cheos de "incidencias".

A sección de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino) concentrarase esta sexta feira ante a Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades para exixir a demora no comezo do novo curso escolar, así como a redución de ratios de alumnado por cada profesor.

Esta nova protesta desenvolverase no marco do calendario de mobilizacións que a central sindical está a levar a cabo para reclamar que se atrase ao 12 de setembro o comezo do curso 2022/23, previsto para o 8 de setembro.

A través dun comunicado, o sindicato maioritario nos centros públicos galegos denuncia que o final do curso 2021/22 e a planificación do vindeiro están cheos de "incidencias".

Asemade, CIG-Ensino lamenta no seu comunicado que "non se atendan as melloras" que reclamou en varias ocasións nas xuntanzas coa Xunta da Galiza na Mesa Sectorial.

Mobilización en Santiago

Con motivo desta desatención, a CIG chama a unha mobilización en Santiago de Compostela para que o Goberno galego atenda as demandas do sindicato sobre o comezo das clases e negocie "un plan estratéxico de redución de cocientes en todas as etapas educativas".

Ademais, a organización reclama "recuperar o papel protagonista" do profesorado de Infantil nas decisións sobre o período de adaptación, xa que o calendario deseñado e aprobado pola Consellaría estabelece que durará até o 16 de setembro como máximo.

A CIG tamén inclúe nas súas demandas a recuperación de horarios lectivos de 18 sesións en Secundaria e ensinos de réxime especial, así como de 21 en Infantil, Primaria e Educación Especial "como xa comezaron a aplicar outros gobernos".

Así mesmo, reclama a Educación que para o próximo curso non peche ningunha unidade, singularmente no rural, "sen previa negociación" cos sindicatos nin cos concellos afectados; que reforce a atención á diversidade; e unha "redución da burocracia que afoga o profesorado" a través da dotación de máis persoal administrativo nos centros.