"Mudemos o rumbo": estas son as reivindicacións da CIG-Ensino para "dignificar a profesión"

Presentación da campaña da CIG-Ensino, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O sindicato galego reclama, entre outras cuestións, reducir as ratios nas aulas, unha medida que se puxo en marcha durante a pandemia e que demostrou ser "a mellor ferramenta para mellorar a atención do alumnado".

A CIG-Ensino vén de impulsar unha campaña coa que pretende demandar á Xunta un "cambio de rumbo" no ensino público a través da "dignificación" da profesión de profesor e profesora, cunha serie de medidas que buscan "recuperar dereitos" para os docentes e mellorar a calidade educativa.

A campaña foi presentada esta quinta feira na sede nacional da CIG- Ensino, que empraza a "alzar a voz" de novo tras varios anos marcados polas mobilizacións e folgas no sector e máis dous cursos e medio de pandemia.

As reivindicacións da central nacionalista articúlanse arredor de seis eixos: recuperación do horario lectivo de 18 e 21 horas, redución das ratios, ampliación do cadro de persoal docente, mellora da atención á diversidade, limitación da burocracia e reconsideración da saúde laboral.

"Xa abonda de desprezos e desconsideracións, sexamos contundentes para que se prestixie a nosa profesión da única maneira posíbel: coa dignifiación e a recuperación de dereitos", sinala a organización, nun comunicado no que acusa a Consellaría de Educación de "pisar" as condicións laborais do profesorado galego.

Asegura que as últimas crises económicas provocaron "recortes" precedidos de "escusas centradas na necesidade de compartir sacrificios", unha demanda que, denuncia, "nunca se dá no sentido contrario" e que, máis tarde, "acompáñase de palabras de recoñecemento pola entrega dos profesionais que nunca rematan coa recuperación dos dereitos arrebatados e coa aplicación de melloras nas condicións de traballo".

Así as cousas, exixe a recuperación do horario lectivo de 18 a 21 horas porque, sostén, o obxectivo non é "traballar menos", senón "facelo en mellores condiciones".

Tamén reclama a redución das ratios, unha medida cuxa posta en funcionamento durante a pandemia, defende a CIG, demostrou que son "a mellor ferramenta para mellorar a atención ao alumnado".