CIG-Ensino camiña cara ao VI Congreso co obxectivo de ''rematar coa LOMCE''

[Imaxes: M. Montero]

O Congreso está fixado para este sábado, 26 de outubro. Co prazo aberto para a presentación de candidaturas até 48h antes, polo de agora a única achegada é a que encabeza o actual secretario xeral, Anxo Louzao.


"Rematar o proxecto de lei da LOMCE". É o obxectivo que se marca a federación de Ensino do sindicato CIG cara ao seu VI Congreso, que celebrará o vindeiro 26 de outubro.

Anxo Louzao, actual secretario xeral e, polo de agora, cabeza de lista da única candidatura presentada, debullou polo miúdo en rolda de imprensa o traballo realizado nos últimos catro anos após o V Congreso, onde el propio foi reelixido no cargo. Daquela, a CIG-Ensino fixou como meta unha Lei galega da educación que garantise un ensino público, gratuito e onde a lingua vehicular sexa o galego. 

Porén, desde que o PP chegou á Xunta en 2009, o ensino público galego está na corda bamba. "Nós facemos un balanzo positivo do noso traballo sindical e das alternativas que presentamos fronte á redución salarial ou o incremento do horario lectivo do profesorado", coa convocatoria de mobilizacións nas cales Louzao cifrou a participación no 80%. Aliás, "combatemos" a teima do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, en financiar os centros privados que segregan o alumnado por sexo. 

Recordou tamén o secretario xeral da CIG-Ensino a participación desta federación en plataformas como a Plataforma galega en defensa do ensino público ou a Plataforma en defensa dos servizos públicos, ademáis de Queremos Galego. Desde todas elas desenvolveuse un "combate permanente" en prol do ensino galego e en galego e contra a privatización da universidade e a suba das taxas para "impedir" que @s fill@s da clase obreira sexan expuls@s desta etapa educativa.

Peches, concentracións, manifestacións e recursos xudiciais. Son as accións que a actual Executiva describe no Informe presentado de cara ao congreso. Ao fío, Anxo Louzao citou os peches en centros de ensino de todo o País contra a LOMCE, as mobilizacións contra o "desmantelamento" do ensino público e as sentenzas do Tribunal superior de xustiza de Galiza que derrogan os artigos principais do 'decreto do plurilingüismo': 5.2 --consulta vinculante ás familias-- e 12.3 --liberdade do alumnado para se expresar nas aulas no idioma da súa preferencia--. Reclamaron, así mesmo, que se garanta "o número suficiente de prazas" na etapa infantil, de 0 a 3 anos. 

Por derradeiro, e tal e como reclamara xa no V Congreso, CIG-Ensino pulou nestes catro anos e seguirá a pular nos catro seguinte por que se destine "como mínimo" o 7% do PIB á educación. Coa recente aprobación da LOMCE no Congreso como pano de fondo, Anxo Louzao reiterou o posicionamento en contra do sindicato ao cal representa e cualificouna de "cadáver ambulante" por ser o PP o único grupo parlamentar que lle deu o visto e prace. 

"As mobilizacións sociais tiveron xa o seu significado", dixo Louzao, recalcando que "a primeira acción política a realizar" debera ser "botar abaixo" esta norma, popularmente coñecida como 'Lei da Wertgoña'.