CIG-Ensino e Anpas Galegas protestan en Compostela contra os recortes no ensino

Concentración da CIG-Ensino e de Anpas Galegas, na terza feira, diante da Consellaría de Educación (Imaxe: Nós Diario).

A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, e Anpas Galegas concentráronse na mañá da terza feira diante da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade contra os recortes de persoal docente e desdobres en secundaria, insistindo na importancia da mobilización para que a Consellaría rectifique na súa política de recortes.

En declaracións aos medios, o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, criticou a opacidade a respecto das cifras de profesorado en activo neste comezo do curso escolar e pediu á Consellaría que publique o número de docentes, “con nomeamento en vigor no comezo do curso”.

Bermello informou de que a  adxudicación de destinos provisionais de secundaria e ensinanzas de réxime especial é de 584 docentes menos que no curso anterior. “Esta cifra de redución de profesorado é aínda maior tendo en conta as xubilacións e as prazas non cubertas, xa que hai, sen dúbida, prazas de xubilacións que se amortizaron e non se adxudicaron", denunciou.

Un menor número de profesorado, explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, pode implicar “a redución ou mesmo a desaparición da oferta de ensino secundario para persoas adultas (ESA)”. Puxo como exemplo a comarca de Chantada, que carece desa oferta.

A maior parte dos centros de secundaria, insistiu Bermello, “vense afectados pola incapacidade de facer desdobres, non só de grupos completos senón tamén de materias concretas, especialmente en 1º e 2º da ESO”. Tamén destacou “a imposibilidade de manter os apoios para a atención educativa”.

“A realidade máis habitual na información trasladada polos centros á CIG-Ensino implica a ampliación de impartición de afíns xa que, ao reducir docentes, o que antes eran prazas a tempo completo agora se converten en impartición de unha ou dúas materias máis”, engadiu.

Tamén advertiu das dificultades de manter os grupos dos programas de mellora e reforzo de aprendizaxe e os de formación complementaria en linguas estranxeiras, así como poder participar en programas ofertados pola Consellaría. Cualificouno de “auténtica contradición”, pois haberá centros “que non van poder deseñar actividades auspiciadas pola Consellaría porque a propia administración o impide cos recortes de persoal”.

Sen datos sobre o impacto da Covid-19

Por outra banda, tanto a CIG-Ensino como Anpas Galegas foron moi críticos coa opacidade da Consellaría pola falta de datos a respecto da pandemia. "Un ano despois das evidencias dos efectos da pandemia nos centros escolares non temos ningún tipo de estudo sobre os seus efectos: por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros etc".

"Este escurantismo esténdese tamén ao ámbito orzamentario xa que neste momento non existe información detallada sobre en que se gastaron os cartos que desde o Goberno estatal se destinaron ao ámbito educativo do curso 2020/21", advertiu Bermello.