Educación

A CIG-Ensino e Anpas Galegas urxen reforzar o ensino público

Isabel Calvete, de Anpas Galegas, e Suso Bermello, de CIG-Ensino, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
Ambas as organizacións opóñense ao feche de aulas e recorte de docentes e demandan un plan específico para os concellos rurais.
Na recta final do curso escolar, o sindicato CIG-Ensino e a Confederación Anpas Galegas chaman esta segunda feira a Xunta a "reforzar" a educación pública e a "deixar atrás as políticas de recortes" dos últimos anos. "Fronte ao fechamento de aulas e a redución de profesorado, redución de ratios e burocracia e melloras na atención á diversidade e nas condicións de traballo docentes", resumiron nunha comparecencia conxunta o secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, e a vicepresidenta de Anpas Galegas, Isabel Calvete.

Ambos os dous instaron a Consellaría de Educación a pór enriba da mesa "un plan para a mellora do ensino público, tanto desde a perspectiva das condicións laborais do profesorado como desde a mellora nas prestacións económicas, que redundarían en centros con máis recursos, cunha mellor atención á diversidade e un sistema público centrado na equidade".

Non máis feches

Así, durante as próximas semanas, a CIG-Ensino e Anpas Galegas promoverán unha campaña para reclamar á Consellaría o compromiso de non fechar "ningunha aula nin escola unitaria para o curso 2023/24", o que evitaría "a consecuente redución de profesorado", advertiu Bermello.

O voceiro do sindicato maioritario no ensino público galego sinalou que até "xuño, finais de xullo" ou mesmo "agosto" non se coñecerán os "feches de unidades" por parte da Xunta. Por iso, fronte ao "hermetismo" co que traballa a Administración, apostan por que asuma "un compromiso real" antes de que finalice o curso actual.

CIG e Anpas urxen un "plan específico" para o rural

Baixo o lema 'Reforcemos o Ensino Público' demandan "un cambio de política" e que se articule un plan específico para o rural. As dúas organizacións apostan por "aproveitar a redución da natalidade para mellorar as condicións de alumnado e profesorado", a través da baixada das ratios de alumnado por aula e por docente, unha mingua que repercutirá nunha mellor atención á diversidade, a problemas emocionais ou de convivencia.

A campaña da CIG e Anpas Galegas reivindica, ademais,  unha redución do horario lectivo do profesorado, unha demanda "sindical, pero tamén social", que dará máis tempo ao persoal traballador para preparar as clases, reducirá a "carga burocrática" e "mellorará a calidade educativa".