Suso Bermello reelixido secretario xeral no seu VIII Congreso

A CIG-Ensino alerta do "progresivo control do sistema educativo"

Intervención de Suso Bermello no VIII Congreso da CIG-Ensino (Nós Diario).
O VIII Congreso da CIG-Ensino reelixiu este sábado a Suso Bermello como secretario nacional. O Informe da Executiva, aprobado por 122 votos a favor, sen votos en contra nin abstencións, salientou a complicada situación vivida pola chegada da pandemia. 

O VIII Congreso da CIG-Ensino reelixiu este sábado a Suso Bermello como secretario nacional. Ao mesmo tempo un total de 200 delegadas e delegados presentes escolleron nova que queda conformada, ademais, por Laura Arrojo Reguera, Xosé Manuel Nogueira Rodríguez, Marta Ferreiro Fernández, Ana Rodiño Domínguez, Diego Boquete Sánchez, Teresa Carballido Salgado, Henrique García Vázquez, Elena Añel Cabanelas, Xosé Anxo Terán Comesaña, Maruxa Martínez Nogueira e Montse Pernas Bellas.

O Informe da Executiva, aprobado por 122 votos a favor, sen votos en contra nin abstencións, salientou a complicada situación vivida pola chegada da pandemia e que obrigou a mudar o tradicional modelo educativo poñendo en evidencia, segundo apunta a central nacionalista nun comunicado, “a fenda dixital e social do alumnado galego, mais tamén as carencias que tivo que enfrontar o profesorado”.

No balance, a CIG-Ensino salienta “as campañas pola recuperación dos dereitos do profesorado, pola recuperación do horario lectivo, en defensa dos dereitos do profesorado interino, do profesorado técnico de FP, ademais de múltiples mobilizacións derivadas das circunstancias da pandemia ou na defensa da lingua, entre outras”.

Central maioritaria no ensino público

Suso Bermello cualificou os resultados sindicais deste período como de "claramente satisfactorios" no ensino privado, onde aumentou representación. Tamén nos convenios de atención á diversidade funcional e do primeiro ciclo de educación infantil, onde mantivo a súa representación.

En relacións ás tres universidades, a central nacionalista revalidou a súa condición de central maioritaria no ensino público, no que superou o teito dos 9.000 votos nunhas eleccións. Uns resultados, estes últimos, que sitúan á CIG-Ensino, cun 43% dos votos obtidos, a gran distancia da seguinte central sindical en representación, CCOO, que acadou o 18%.

En relación á afiliación, a central medrou estes últimos catro anos un 12%.

A “perda de democracia interna”

Bermello apuntou que na muda xeracional destes anos que virán non hai que “caer na compracencia de considerar que polos resultados e o traballo do pasado, ou mesmo do presente inmediato" a CIG-Ensino vai ser a "indiscutida opción sindical".

Neste senso, alertou do "progresivo control do sistema educativo e a perda de democracia interna e participación do profesorado e do conxunto da comunidade educativa na toma de decisións” por estar “nun marco político estatal que segue a limitar a capacidade de Galiza para se dotar de ferramentas propias e o contexto político e educativo do país, cun goberno que devece por non ter que tomar decisións propias porque non cre no autogoberno".

Con este contexto, Bermello considera que tanto a "dereita auténtica" a nivel galego, como o "progresismo" a nivel de Estado español ou o poder económico internacional comparten a premisa de que "nada cambie" co  obxectivo de ter "un sistema educativo controlado desde fóra e desde dentro dos nosos colexios e institutos, cunha elevada carga burocrática e unha estandarización do proceso de aprendizaxe".

Modelo educativo

O secretario nacional da CIG-Ensino sinala que para o próximo período, pensan defender un modelo educativo en clave nacional, que se fundamente na capacidade para "decidir e deseñar a educación que Galiza precisa", e que pasan pola defensa do ensino público como “único garante da equidade social, galeguizador e de acordo coa nosa realidade”.

Ademais apostan por “unha educación aberta, gratuíta, plural, inclusiva, feminista e que erradique a lgtbifobia, o racismo e o machismo, fundamentada no pensamento crítico e na democracia interna e cunha oferta de prazas suficientes en todos os niveis educativos nos centros públicos”.

Posíbel folga xeral

No acto de clausura interveu ademais o secretario xeral, Paulo Carril, quen tamén se referiu á pandemia que, dixo, afondou a crise social, económica, industrial e demográfica que xa viñamos padecendo.

Entre as múltiples propostas de resolución aprobadas e seguindo a liña do aprobado no Congreso Confederal, a CIG-Ensino apoiou unha referida á folga xeral. Cuestión respecto da que Paulo Carril asegurou que se convocará “se persiste o espectáculo que están a dar os socios de goberno do Estado español arredor da reforma laboral ou a das pensións”.