CIG-Ensino acusa o PP de avalar ''a súa política de exterminio'' da lingua ''cun verniz de consentimento social''

A federación de Ensino, que tamén recorreu o decreto 79/2010, exixe a derrogación da norma. Eliminar os artigos dos cales o Superior galego sinalou a súa ilegalidade non é dabondo "porque algo haberá que lexislar" respecto do que a xustiza bota abaixo, e convidan o PP a buscar o consenso no Parlamento

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza botou abaixo "dous dos tres alicerces" en que o PP sostiña a súa política lingüística "galegófoba" e a materializaba nas aulas públicas da Galiza. As valoracións corresponden a Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, entidade que, xunto a Queremos Galego e A Mesa, puxo en cuestión esas tres medidas nun recurso presentado perante a máxima instancia xudicial galega.

Artigo 5.2: consulta ás familias
Así as cousas, dunha banda derrogouse o disposto no artigo 5.2, referido á consulta vinculante para que as familias escollesen a lingua materna aplicada na etapa de infantil. A respecto deste punto, Anxo Louzao foi contundente ao subliñar que "o PP baseou o decreto na participación das familias porque quería avalar a súa política de exterminio dándolle un verniz de consentimento social".

Sinala a resolución do Superior galego que "a Administración non pode abdicar da súa potestade de programación xeral do ensino", e Louzao culpabilizou a "imposición" deste decreto de que a nosa lingua sexa "anecdótica" nas sete cidades do país, citando o estudo realizado pola Mesa. Di o nacionalista que a norma do PP "estaba feita cunha finalidade clara", a de "afastar" o galego dunha etapa "fulcral" da educación e "nas contornas españolfalantes", xustamente onde máis sentido tería, sinala Louzao, "a aplicación da Lei de Normalización Lingüística".

Artigo 12.3: o alumnado pode falar na lingua "da súa preferencia"
As tres entidades litigantes puxeron tamén en cuestión a legalidade desta escolla, que supuña "unha desautorización total do profesorado" e outorgaba ao galego un tratamento "peor" que o estabelecido para a lingua estranxeira, nomeadamente o inglés. Tamén o TSXG estimou pertinente a derrogación desta disposición, ao considerar que o uso do idioma propio na oralidade e na escrita é indispensábel para que o estudantado acade as competencias que se exixen en cada nivel educativo.

"Cómpre moverse no imperativo, lexislar para que a dinamización do uso da nosa lingua sexa unha obriga tamén na práctica", apunta Louzao, quen acusa o PP de "inventar unha problemática que non existe" pois ningún nin ningunha alumna suspenderon nunca unha materia por non dominar o galego. Coa sentenza na man, onde o PP observa que "non pasa nada" porque o Superior galego ilegaliza "só o 5%" do decreto 79/2010, CIG-Ensino observa "a derrota da política galegófoba" da Xunta que preside Núñez Feijóo, e responde a Jesús Vázquez que ese 5% é, xustamente, "a base do ataque" emprendido contra a nosa lingua "polo tándem Feijóo-Vázquez-Lorenzo", en referencia a quen foi secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

Que as vindeiras políticas non salten "a liña vermella" da legalidade
Respecto da terceira disposición que CIG-Ensino cuestionou no seu recurso, o estabelecemento de cuotas para introducir a lingua estranxeira --o coñecido 33%--, o TSXG non a declara ilegal. Porén, considera que o panorama que se presenta non é o máis acaído para o fomento da lingua propia da Galiza e sinala á Xunta o camiño polo que deben ir as súas políticas: "cara ao progresivo uso do idioma". O contrario, sinala Louzao de acordo coa resolución do Superior, sería "saltar a liña vermella" da legalidade contemplada no texto de Normalización Lingüística.

CIG-Ensino exixe que a Xunta derrogue o decreto. Enfatizan que non é dabondo con que elimine da norma as tres cuestións sinaladas, pois "algo haberá que lexislar" a respecto do que o TSXG bota abaixo. E ese "algo" deberá procurarse, entende Louzao, "no Parlamento e nun Plan que xa está consensuado". Como consensuado estaba tamén o decreto 124/2007, norma que materializa un Plan Xeral de Normalización aprobado cando Manuel Fraga gobernaba con maioría absoluta e á que o PP prestou o seu apoio, para mudar despois de opinión ás portas das eleccións de 2009 "na procura de réditos electorais" na extrema dereita.