A CIG-Ensino acusa Educación de "falta de transparencia" e de "pretender disimular os recortes brutais de persoal"

As aulas presenciais, a máscara e a distancia seguirán sendo cuestións chave o vindeiro curso. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).
A Consellaría non informará até ben entrado o mes de setembro dos desdobramentos necesarios para atender os novos parámetros sanitarios e a distancia de 1,2 metros. Tampouco confirma a cifra "extraoridinaria" de profesorado que accederá as escolas este curso.

A CIG-Ensino acusa Educación de mentir sobre a atención á pandemia no novo curso escolar e amósase moi crítica coas conclusións expostas polos conselleiros de Román Rodríguez e Julio García Comesaña no pleno do Consello Escolar da Galiza desta segunda feira. 

"Só serviu para que o conselleiro de Educación reafírmase a súa intención de manter os recortes anunciados nas últimas semanas" e para pór de manifesto que "non existe o menor interese" por parte da Xunta por responder a esa "'enorme precaución' que afirma ser necesaria nesta etapa de 'transición'", mantén o sindicato. "Non existe tal precaución cando se executan recortes de profesorado ou se fechan 127 aulas de infantil e primaria".

Neste sentido, argumenta que a reunión do Consello Escolar da Galiza non deixou "ningunha novidade importante ao respecto de cuestións organizativas no ámbito educativo". Tan só, aclara, tres apuntamentos en materia de vacinación contra o coronavirus: a previsión de rematar a administración da segunda dose na rapazada de mais de 12 anos antes do 20 de setembro, a previsión de que comece non antes de 2022 a vacinación dos menores desa idade e a posibilidade de solicitar cita para ser inoculado no momento da alta médica unha vez superada a Covid sen necesidade de esperar seis meses.

Distancia nas aulas

O sindicato nacionalista volveu criticar a decisión de reducir a distancia interpersoal nas aulas en contra de criterios científicos que alertan sobre as consecuencias da incerteza coa que se vai iniciar o curso escolar.

"A decisión da conferencia sectorial estatal non é unha imposición e non hai nada que limite a Xunta para manter a distancia de 1,5 metros e, por tanto, as mesmas condicións que no curso 20/21. Se non o fai é porque non quere".

Grupos burbulla

Tamén censura "a falacia dos grupos burbulla", ao descuberto tras a decisión de compartir espazos comúns. "O que se debe facer en Infantil e Primaria é limitar ao máximo as ratios e, como mínimo, manter todos os desdobramentos autorizados no curso pasado, así como a contratación de profesorado de apoio necesario".

Educación confirmou que até analizará os desdobramentos necesarios cando teña os datos de matriculación e repetidores, non antes de mediados de setembro, mais tamén adiantou que este curso os centros recuperarán espazos como bibliotecas e salóns de actos que o ano anterior funcionaron como aulas.

Profesorado

Tamén avanzou a Consellaría que os centros galegos contarán con profesorado extraordinario pola situación de pandemia, pero sen facilitar cifras concretas nin unha previsión dos efectivos necesarios para garantir o cumprimento das medidas sanitarias e atender a oferta educativa.

A CIG-Ensino incide nos "recortes brutais de persoal". "En plena pandemia é unha agresión ao ensino público fechar 127 aulas e mesmo colexios enteiros así como reducir docentes en centros do rural", mais sinala cando foron estas escolas as que mellor afrontaron o curso da pandemia con menor número de estudantes por aula. "Unha razón de peso para manter todos as aulas e recursos humanos".

As ratios oficiais impostas polo Ministerio de Educación, advirte, teñen un carácter de máximos. Nada impide aos Gobernos territoriais reducir esa cota. "A decisión da Xunta de non  facelo obedece unicamente a un plan trazado sen escrúpulos polo PP: reducir a partida orzamentaria en educación".

Opacidade

Nestes sentido, a central nacionalista critica a "opacidade" da Consellaría de Educación á hora de facer balance dos efectos da pandemia por grupos de idade, por sectores profesionais, zonas xeográficas e tipoloxía de centros. "A presencialidade non foi unha decisión da Xunta senón unha resposta á presión social" sen ningún tipo de informe que avale os seus resultados, salienta. 

"A falta de transparencia esténdese tamén a cuestións orzamentarias. Neste momento non existe información detallada sobre en que se gastaron os cartos que desde o Goberno estatal se destinaron ao ámbito educativo do curso 2020/21".

Plan Recupera

Doutra banda, A CIG-Ensino asegura que "é absolutamente falso que as 1250 contratacións a media xornada do Plan Recupera sexan para afrontar as contratacións necesarias do curso pasado". O que precisa o ensino público, recalca, "é manter os docentes dos cadros de persoal, que son os que pretende recortar a Xunta".

Por último, o sindicato solicita garantir a vacinación de todo o profesorado, en prácticas ou interino, mais tamén chama a non fialo todo á vacinación ante o efecto da variante Delta.