CIG e CC.OO. exixen que Educación sente xa a negociar os cadros de persoal de Secundaria

As dúas centrais reclaman o restablecemento do dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto que teña prestado servizos á administración durante polo menos cinco meses e medio. Alén disto, CIG-Ensino pide á Xunta que retire as instrucións enviadas aos centros nas que carga sobre as equipas directivas, o profesorado e as Anpas a xestión dos comedores escolares

As federacións de Ensino dos sindicatos CIG e CC.OO. denuncian a negativa da consellaría de Educación a sentar a negociar os cadros de persoal de Secundaria en xullo, como se veu facendo até o de agora. Así, Comisiones sumouse ás peticións formuladas por CIG nun escrito remitido a sexta pasada ao departamento que dirixe Jesús Vázquez, no que se exixiu o restablecemento do dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto que teña prestado servizos á administración durante polo menos cinco meses e medio.

A central nacionalista convocou unha concentración este mércores ás once da mañá en San Caetano para esixirlle á Consellaría de Educación que rectifique. Ao remate da concentración, realizarase unha asemblea co profesorado afectado no local do sindicato na que se analizará a súa situación e as medidas de presións a levar a cabo.

Na liña, CC.OO. insta a consellaría "a rectificar", e critica que a comunicara aos sindicatos, mediante un correo-e, que non sentará a negociar porque os datos "non serán definitivos ata setembro". A federación denuncia que esta negativa "vulnera dereitos", para alén de ser "unha nova artimaña para adiar o impacto que poden ter os recortes de persoal" no servizo educativo, atrasando o proceso ata setembro e así poder "impor unha política de feitos consumados".

CIG-Ensino reclamou que se manteña o contrato polo que lle retribuía e cotizaba ao profesorado o tempo de vacacións que lle correspondía en función do tempo traballado. A central nacionalista queixouse de que a Xunta agardase até que remataron as aulas para dar a coñecer esta medida, malia que a decisión foi tomada no Consello de Goberno do 21 de xuño. O sindicato advirte de que este recorte vai dirixido a traballador@s "que xa teñen unha situación moi precaria con traballos de poucos días, cambio constante de domicilio e a obriga de estar a disposición da Administración de xeito continuo". O mesmo criticou CC.OO., que engade que en moitos casos se trata de traballador@s que están a preparar oposicións para acceder a postos fóra da Galiza.

Educación ''desenténdese'' da xestión dos comedores escolares
Alén do panorama que afecta ao profesorado, CIG-Ensino remitiu un segundo escrito á consellaría para exixir a retirada das instrucións que modifican a xestión dos comedores escolares para o curso 2012-2013, sexan ou non de xestión directa deste departamento. Así, a central informa de que os cambios que está a alentar Jesús Vázquez mediante os escritos enviados aos centros teñen que ver coa vixilancia por parte da equipa directiva. CIG quéixase de que as instrucións se envíen ao remate do curso escolar e sen teren pasado pola Mesa Sectorial, pese a conter cambios nas condicións de traballo do profesorado que atende o servizo.

Para a federación que encabeza Anxo Louzao, "é inadmisíbel o autoritarismo e o escurantismo" co que foron ditadas unhas instrucións que afectan ao exercicio da responsabilidade do comedor e á ampliación da xornada d@s director@s, sen sometelos á consideración das organizacións sindicais. A xuízo da central, a consellaría "desenténdese" da xestión e funcionamento dos comedores escolares, e deriva esta responsabilidade cara o profesorado, as ANPAS e as equipas de dirección. Por outra banda, a CIG-Ensino ten coñecemento de que a Consellaría está enviando instrucións aos centros no sentido de reducir as prazas ofertadas, contravindo a lexislación vixente en canto á clasificación dos comedores escolares, pois, por exemplo, pretenden que os comedores tipo A que até agora podían ter até 75 comensais, agora teñan só 71.