A CIG denuncia que a Xunta "engana" coa dotación para o Deza

Centro de Saúde en Lalín. [Imaxe Google]
Xavier Aboi, o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, denunciou esta sexta feira nunha rolda de prensa en Lalín a situación que se vive en comarcas como o Deza, Pontevedra e A Estrada no sector das ambulancias. Tamén avisou que a Xunta "engana" coa solución apuntada por Feixoo no Parlamento porque o vehículo que ofrece será "unha ambulancia de apoio".

Aboi compareceu con delegados sindicais do sector de ambulancias de Lalín tras o anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de que haberá unha nova ambulancia para o Deza despois de que un home falecera en Dozón, no campo da festa de O Sisto, porque o servizo tardou 46 minutos desde que se fixo a chamada ao 061.

"Que sanidade que quere Feixoo? A Xunta vende fume", criticaron os sindicalistas, e explicaron que o novo vehículo prometido será "unha ambulancia de apoio" porque "non se pode modificar o convenio do transporte sanitario". Ese vehículo carece de soporte básico vital e tampouco inclúe persoal sanitario. "Só serve para traslados a centros de atención ou resolver pequenos accidentes", insistiron. 

A CIG considera que existe "descoñecemento da realidade ou incapacidade" por parte da Xunta e ve precisa unha dotación "de urxencia" para o Deza. "Anunciar unha ambulancia con persoal é enganar", conclúe.

A polémica chegou esta mesma semana ao Parlamento e provocou un enfrontamento entre Ana Pontón e Feixoo na sesión de control ao Presidente. Despois, o BNG denunciou que Feixoo mentiu no anuncio que fixo na Cámara.