A CIG denuncia que a Xunta contrata a dedo para cubrir vacantes nas residencias de maiores

A conselleira de Política Social, durante a súa toma de posesión.
A central traslada a denuncia á conselleira de Política Social, Fabiola García, para unha eventual depuración de responsabilidades.

"A Xunta volve ao sistema de contratacións a dedo para cubrir as vacacións do persoal laboral nas residencias de maiores". Así o denuncia a CIG através dun comunicado de imprensa.

As listas de substitución do persoal que se acha de ferias están "esgotadas" desde o mes de xuño, explica a central, que o atribúe á "falta de previsión e nula eficiencia administrativa" do goberno galego.

Perante esta situación, o que cabería facer sería "efectuar chamamento ás oficinas de emprego, como mínimo 3 persoas por plaza para proceder a seleccionar ao persoal segundo os méritos e capacidade certificados e baremados obxetivamente pola puntuación establecida no Convenio de Persoal Laboral da Xunta".

No canto de proceder así, "estanse a efectruar contratos para cubrir ausencias, sen publicidade (cada un avisa a quen quere) e sen sistema ningún de baremación ou selección (son as direccións dos centros os que teñen as demandas de emprego e as que escollen a dedo as persoas, sen participación sindical nen órganos de selección tal e como establece o convenio", denuncia a CIG.

A central nacionalista deu conta deste asunto á conselleira de Política Social, á que demanda que se depuren responsabilidades daqueles "empregados públicos" que "a sabendas da súa inxustiza" realizaron contratacións de persoal "dun xeito arbitrario, sen se ater aos principios de igualdade, mérito e capacidade".