CIG denuncia “trato de favor” da CRTVG ao editor de informativos da Radio Galega.

radio galega

O sindicato afirma que tratou con desprezo unha traballadora “á que provocou unha crise de ansiedade e baixa”

A sección sindical da CIG da CRTVG denuncia o trato de favor, “mesmo con posto e horarios á carta”, que a compañía dispensa ao que hoxe ocupa o posto de editor de informativos de fin de semana da Radio Galega. “Un cargo de nova creación ao que este traballador pasou tras das denuncias dunha traballadora que, a raíz disto, se viu sometida a constantes desconsideración e faltas de respecto por parte deste cargo”, afirman desde a central nacionalista. Un comportamento que a sección sindical da CIG denunciou por consideralo “puníbel” pero que foi negado pola CRTVG.

Segundo explica a sección sindical, en setembro este cargo incorporouse, primeiro, como novo coordinador de informativos da fin de semana da Radio Galega e comunicou ao persoal que coordinaba que sairía habitualmente a primeira hora da tarde, porque, segundo xustificou, algunha sexta feira tería que facer entrevistas. Ese horario foi motivo de denuncia ante o Comité de Empresa da CRTVG en San Marcos por unha redactora, “unha vez que non se sabía quen ía asumir os posíbeis cambios na escaleta dos informativos do serán despois da saída do coordinador”.

A partir da denuncia, afirma este sindicato, o trato do coordinador cara a traballadora mudou, “pasando a mantela durante horas sen traballo e esperando ao remate da xornada para lle asignar varias noticias, ou repartindo o traballo de xeito que á traballadora lle coincidisen varios satélites ao mesmo tempo, ademais das malas contestacións e faltas de respeto recibidas a cotío”.

CIG afirma que o pasado 20 de outubro a redactora seleccionou dous cortes dunha declaración para que o coordenador escollese a que quería incluir no informativo, “sendo a resposta deste, despois de varios intentos e no último momento, “mete la que te salga de los huevos”, a berros e  pechándolle a porta do estudio nas narices. Como consecuencia, a traballadora sufriu unha crise de ansiedade, pola que tivo de ser atendida en urxencias, permanecendo a dia de hoxe de baixa por IT”.

Perante todo isto, critica a sección da CIG, a empresa se negou a recoñecer a existencia dese mal trato á traballadora e rexeitou abrir o procedimento reclamado polo CIG.