E ADVIRTE DA FALTA DE MATERIAL

A CIG denuncia a “sobreexplotación” do persoal dos centros dependentes de Benestar

Dependencia

A Consellaría de Traballo e Benestar non cobre as vacacións do persoal de atención de directa e fai contratos en precario para o persoal das listaxes de substitución. Esta é a principal denuncia que fai a CIG en relación ás condicións de traballo nos centros dependentes de Benestar, onde escasean cueiros, toallas e mesmo sabas.

A CIG denuncia as condicións de “sobreexplotación” que sofren os traballadores e traballadoras dos centros dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar durante os meses de verán. Nun comunicado, a CIG critica que o departamento do que é responsábel Beatriz Mato “non cobre as vacacións do persoal de atención directa” e acusa a Consellaría de “facer contratos en precario” para o persoal das listaxes de substitución.

Nesta liña, a CIG advirte de que as persoas que forman parte das listaxes de substitución teñen que aceptar “condicións de traballo abusivas” e teñen que acudir a “chamamentos escravistas”. Tamén alerta de que Benestar non cobre de maneira axeitada as vacacións, xa que o fai con contratos “de fin de semana a medias xornadas”, un feito, salienta a CIG, que diminúe os servizos prestados e que sobrecarga os traballadores e traballadoras. “O traballo é exactamente o mesmo mais recae en moitos menos traballadores, polo que a carga de traballo é inadmisíbel”, engade o sindicato.

A CIG denuncia que hai persoal que traballa “sete días continuados e dúas fins de semana seguidas”

A CIG, que amosa a súa solidariedade co persoal que traballa “sete días continuados e dúas fins de semana seguidas”, acusa a Consellaría da que é responsábel Mato de “querer aforrar cartos a costa de baixar a calidade do traballo”.

A central sindical nacionalista contrapón esta situación que padecen os asalariados e asalariadas dos centros cos do persoal directivo das residencias, “nomeado a dedo por Beatriz Mato”. A CIG critica que mentres os traballadores e traballadoras desenvolven as súas tarefas nas condicións citadas, a Directiva dos centros disfrutan “tranquilamente de vacacións, sen que quede ningún responsábel que poida solucionar os problemas”. Engade que tamén “desaparece durante semanas o persoal político da Xefatura Territorial e dos Servizos Centrais”. “Só está ao pé do traballo o persoal de atención directa: enfermeiras, auxiliares, camareiras, coidadores, ordenanzas, persoal de cociña…".

Falta de cueiros, toallas ou sabas e material deteriorado

Pola outra banda, o sindicato nacionalista advirte do desleixo da Consellaría de Traballo e Benestar á hora de renovar o material avariado ou en desuso. De aí que emprace a Xunta de Galiza a revisar o estado dos recursos cos que contan estes centros. “Non funcionan as lavadoras, os lavavaixelas ou os baños xeriátricos”, denuncia a CIG.

O sindicato nacionalista tamén denuncia a escaseza de cueiros, toallas, sabas e diverso material de primeira necesidade para atender as persoas usuarias.