Mentres tanto, hai plantas fechadas

A CIG denuncia a saturación do servizo de urxencias do HULA

É unha situación que se repite acotío: os servizos de urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti permanecen desbordados. A CIG-Saúde denuncia que as persoas doentes xa atendidas teñen que ficaren en camas nas propias urxencias á espera de seren ingresadas.

Esta cuarta feira cinco pacientes sufrían o colapso do hospital de Lugo e, aínda que xa foran atendidos, tiveron que ficaren en camas no propio servizo de urxencias porque non ficaba cama ningunha en todo o hospital e porque o servizo de observación estaba ateigado. Así o denuncia Carme Aira, secretaria comarcal da CIG-Saúde, quen alude á frecuente saturación das urxencias do HULA.

A Xunta de Persoal leva unha semana á espera de obter resposta algunha da Xerencia

“Os doentes xa atendidos permanecen en camas no servizo de urxencias en espera de seren ingresados nas unidades onde lles correspondería”, lamenta a sindicalista, quen advirte de que a situación non é puntual, “na cuarta feira da semana pasada a situación repetiuse con outros dez doentes”. Precisamente, a raíz da situación vivida por estas dez persoas, a instancias da CIG, a Xunta de Persoal se dirixiu á Xerencia do hospital para lle solicitar explicacións, unha petición que careceu de resposta polo de agora.

A CIG pregúntase polos criterios de apertura de camas que vai seguir a Xerencia do HULA tendo en conta a situación de colapso que se produce con frecuencia, “non pode ser que teñamos os doentes nos corredores e nos boxes esperando a seren ingresados”, apunta Carme Aira, quen sinala que o servizo das urxencias está a convertese nunha planta máis de ingreso.

Carme Arias: "O hospital permanece con camas perfectamente viábeis pero inoperativas"

“Os doentes son atendidos polo mesmo persoal que atende as urxencias e isto provoca unha saturación no servizo. Á vez, o hospital permanece con camas perfectamente viábeis pero inoperativas”, advirte a sindicalista. “Todo isto sucede por termos un hospital a medio rendemento con plantas fechadas”, lamenta.