A CIG denuncia que "a mala xestión" da Xerencia da área sanitaria da Coruña "expulsa" os médicos e as médicas de familia

Exteriores do Chuac na Coruña (Foto: CIG)
O sindicato exixe que a Consellaría de Sanidade e a Xerencia da área "traballen por atraer a facultativos e facultativas e non por expulsalas de aquí".

A Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) ofreceu hai cinco días unha interinidade de persoal médico de familia no municipio de Ponteceso (comarca de Bergantiños) e outra en Curtis (As Mariñas), é dicir, dúas prazas en propiedade até que esa praza sexa requirida por outra profesional en concurso de traslados ou en concurso oposición.

Neste sentido, a CIG-Saúde explica que Recursos Humanos do CHUAC “chamou 20 profesionais e todas dixeron que non". Finalmente un médico e unha médica aceptaron mais, ao pouco, “recibiron unha chamada da Xerencia na que se lle informaba de que cambiaban as condicións e agora ofrecíanlles estas prazas en interinidade mais xa non como medicina de familia, senón como persoal facultativo especialista de atención primaria (FEAP), o que implica a obriga de facer gardas”.

"Levamos oíndo a Consellaría de Sanidade botar balóns fóra sobre a falta de profesionais, un día si e outro tamén, dicindo que a responsabilidade é do Ministerio, que non convocan prazas MIR... Mais a Consellaría ten moita responsabilidade na xestión, nas condicións de traballo que ofrece e máis unha vez vese esta realidade", denuncia Ramón Veras, delegado da CIG-Saúde.

"Despois de que 20 facultativos e facultativas rexeitaran esas prazas coas condicións de medicina de familia, agora queren impoñer as condicións de FEAP as dúas persoas que aceptaron. Empeorando as condicións de traballo é imposíbel conseguir más recursos, é imposíbel que os médicos e médicas acepten", reitera.

A CIG-Saúde xa denunciou no seu momento que estas prazas FEAP supuñan, “ademais dun empeoramento das condicións laborais, un cambio de modelo de Atención Primaria coa progresiva desaparición dos Puntos de Atención Continuada e a obriga de gardas ás médicas de Atención Primaria ordinaria, obrigando a compatibilizar os dous horarios”.

Para a CIG-Saúde "esta non é a solución porque só vai supoñer un empeoramento da Atención Primaria. Mais a Consellaría de Sanidade e a Xerencia da Coruña insisten nesa política sanitaria. Este é un exemplo claro de mala xestión e de como a Xerencia anima aos médicos e médicas de familia que hai, que non son moitas, a que marchen para outras áreas ou fóra de Galiza na procura de mellores condicións".

Diante disto, a CIG-Saúde exixe unha rectificación por parte da Xerencia e que ofreza estas prazas nas condicións iniciais, como interinidades de medicina de familia e non de FEAP, "e que traballe por atraer a facultativos e facultativas e non por expulsalas de aquí".