CIG-Ensino denuncia un inicio de curso cun ensino público galego acosado polas políticas do PP

aulavacia

Anxo Louzao alerta do recorte en profesorado, do peche de escolas e da masificación das aulas á vez que aumentan os fondos para a pública.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao e Ana Rodiño, integrante da Executiva, analizaron esta cuarta feira a situación do sistema educativo galego no inicio do novo curso escolar. Un curso no que, advirten, “a imposición e autoritarismo que mantén a Consellaría de Educación como pauta de actuación” vai ter cumprida resposta por parte do sindicato.

“O mapa escolar para este curso ten 13 escolas e 48 unidades menos en educación infantil e educación primaria, resultado da supresión de 81 unidades e a creación de só 33, mentres que o ensino privado concertado tivo un incremento neto de 5 unidades en primaria e 21 na formación profesional”, afirman. Nos últimos catro anos a Consellaría, engaden, destinou 1000 millóns de euros dos orzamentos da Xunta á educación privada e concertou 215 novas unidades.

CIG-Ensino tamén denunciou que numerosos centros non teñen atendidas as súas demandas e emerxen novos e abundantes conflitos debido á falta de profesorado necesario,. “Proliferan as aulas masificadas por riba das ratios máximas estabelecidas, agrupamentos de alumnado de diferentes cursos e idades nun mesmo grupo, profesorado que está obrigado a impartir materias das que non é especialista e centros  carecen de perfís profesionais (educadores e asistentes sociais  coidadores e coidadores ...) e de persoal administrativo”, engadiu Louzao.

Destrución de emprego

O sindicato di que se adxudicou destino a 2.797 mestres e mestras, d@s que o 15 % son  itinerantes (un 22% máis que o curso pasado), o 8% suprimidos ou desprazados (un 39% máis), o 12% imparte afíns (un 62% máis) e o 42% é persoal interino. Na adxudicación provisional do profesorado de secundaria, a definitiva aínda non se publicou, das  3.894 prazas adxudicadas, 1003 son con materias afíns. Un 35% do profesorado terá que impartir materias das que  non é especialista, nalgúns casos até 5 diferentes.  Nos últimos cinco anos suprimíronse 3000 postos docentes, xa que mentres se xubilaban máis de 4000 só se convocaban oposicións para 993 prazas.

Louzao tamén se referiu ao retroceso galopante do ensino en galego e insistiu na importancia de que se derrogue o Decreto do plurilingüismo, máxime cando a Consellaría vén de subscribir o manifesto promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística.

“Para a CIG-Ensino comezamos un novo curso no que prevalecerá o ideario político-ideolóxico do PP coa conseguinte conflitividade no ensino”, denuncia o sindicato nacionalista.