Filtran a distribución de aspirantes á especialidade de Infantil días antes da publicación das listas oficiais 

CIG-Ensino demándalle á Consellaría que extreme as medidas de seguridade nas oposicións docentes.

CIG-Ensino denuncia que esta sexta feira, 15 de xuño, un documento presuntamente oficial da Consellaría, coa distribución das persoas matriculadas na especialidade de Educación Infantil, foi filtrado e distribuído en redes sociais, días antes de que a Consellaría, que aínda estaría na fase última de elaboración desas listaxes, faga pública a relación completa de persoas opositoras e o seu reparto nos diferentes tribunais.

O sindicato amosa a súa preocupación por estes feitos. Esíxelle á Consellaría que publique canto antes as listas completas, que dea explicacións por este suceso e que extreme todas as medidas para que non se podan producir filtracións deste tipo.

 

Protección de datos

 

O documento ten visíbeis os números completos dos NIF das persoas aspirantes, co que todo parece indicar que se trataría das listaxes que se lle deben proporcionar ás presidencias dos tribunais para o acto de presentación e que non se tería custodiado correctamente. Chama a atención que a Consellaría introduciu nesta convocatoria a novidade de non publicar completos os NIF, limitando os datos a 4 díxitos.