A CIG denuncia a falta de persoal no ensino público e esixe a recuperación da xornada docente

Concentración da CIG contra a falta de persoal docente esta cuarta feira, 19 setembro 2018. Foto: CIG.

428 docentes interinos menos, carencias na atención á diversidade e aulas masificadas. Eis o resumo que a CIG fai do inicio de curso 2018-2019. “Feixóo debe deixar de ser o campión dos recortes e devolver os dereitos ao profesarado galego”, sinala o sindicato nun comunicado.
 

A central nacionalista concentrouse esta cuarta feira perante a Xunta, en Santiago de Compostela. Quixo “apelar directamente ao presidente da Xunta para que deixe de liderar a política restritiva no ensino público no Estado español”.

 

O seu secretario nacional na materia, Suso Bermello, denunciou que Galiza “foi a primeira comunidade que viu incrementada a xornada lectiva do profesorado”. Unha das reivindicacións que expuxo a CIG na mañá do 19 de setembro foi o regreso ás 18 horas semanais de docencia en Secundaria e as 21 en Primaria. “É unha das principais demandas do colectivo docente no noso país”, afirmou. Foi o Goberno de Feixóo quen as botou abaixo.

 

De se recuperar as semanas de docencia tal e como estaban antes de que o PP chegase á Xunta, “permitiría incrementar o persoal docente e garantiría unha maior porcentaxe de prazas 'lompas', é dicir, de especialistas en cada materia”. No curso que agora comeza, “case un terzo das vacantes foron adxudicadas con afíns, itinerancias ou bilingües, o que fai que o persoal docente non poida desempeñar correctamente o seu traballo”.

 

A maiores, a CIG tamén criticou a falta de estabilidade do persoal interino. “Non se entende que se lle siga negando profesorado aos centros cando este curso hai 428 persoas menos con contrato de interinidade que o curso pasado”, protestou Bermello. Centros como o IES de Brión ou a Escola Superior de Arte Dramática de Galiza aínda non iniciaron o curso debido ás protestas por estas retalladas.