CIG denuncia no Comité Europeo de Dereitos Sociais que o Estado español incumpre a Carta Social Europea

O sindicato CIG aprecia importantes incumprimentos en materia de condicións de traballo dignas e de dereitos sociais a respecto do cumprimento polo Estado español da Carta Social Europea. Unha denuncia que a central sindical fixo constar nas alegacións que presentou ao texto no Comité Europeo de Dereitos Sociais. A CIG considera que a situación do Estado español non está en conformidade co artigo 3§2 sobre a aplicación das normas de seguridade e saúde de accidentes e enfermidades ocupacionais e cualifica de “desalentador” o Informe remitido polo Estado español sobre accidentes graves e mortais.

 

As estatísticas sobre accidentes no lugar de traballo indican que aumentaron 12,3% en 2015 – 529.000 sinistros laborais, incluídas 629 mortes- en relación con 2012. Os datos do primeiro semestre de 2016 confirman esta tendencia á alza. CIG atribúe este aumento á precariedade laboral “consecuencia das reformas legais do Goberno que incrementaron os contratos de tempo fixo e de tempo parcial e que derivaron nun deterioro da saúde e das condicións de traballo”.

 

“Dunha banda a carga de traballo aumenta; doutra banda, durante a crise as empresas priorizaron outras cousas e a prevención converteuse nunha consideración secundaria”, denuncia a CIG. Perto de 57% dos accidentes no camiño cara a, ou desde, o traballo afectan a mulleres. Incrementoque a o sindicato atribúe a que as mulleres traballan a tempo parcial máis que os homes, "teñen que combinar dous traballos e, ademais diso, son responsábeis do groso das tarefas domésticas e familiares en contraste cos homes". Unhas taxas que superan a media doutros países da UE durante o período considerado (2012-2015).

 

 Inspección de Traballo

 

O Comité Europeo de Dereitos Sociais solicitara na súa conclusión de 2009 que se indicaran os cambios no sistema de inspección durante o período de referencia, dado que o presentado daquela non proporcionaba nova información sobre a estrutura, as atribucións, o persoal empregado, nin o número de inspeccións levadas a cabo polos departamentos de inspección.

 

Nas súas alegacións a CIG indica que o goberno español incumpríu a promesa de reforzar o persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social na súa loita contra a fraude e mesmo en 10 comunidades autónomas diminuíu o seu número. O Estado español está lonxe das proporcións/ratios doutros países europeos, cun inspector por cada 15.000 empregados, mentres que na Unión Europea hai un inspector/a por cada 7.300 traballadores.

 

Denegación de acceso á asistencia sanitaria a estranxeiros

 

En 2014 o Comité Europeo de Dereitos Sociais lembrou que o dereito de acceso á atención da saúde exixe que non haxa demoras no acceso á prestación e constatou que se denega ese acceso a estranxeiros que se atopen en situación irregular agás en “situacións especiais”: Unha denegación que o propio Comité considerou contraria ao Artigo 11 da Carta. A CIG denuncia que esta situación de incumprimento agravouse no período examinado debido á sentenza do Constitucional que validou o groso da constitucionalidade do Real Decreto que declara que está en conformidade coa Carta Social.  Validación que leva á central sindical a concluír que se incumpre o artigo 11.

 

Prestación por desemprego

 

Para a CIG o Estado español tamén incumpre a Carta Social Europea en materia tanto de prestación por desemprego como por enfermidade. O Comité xa observara, nas súas conclusións anteriores que esta era inadecuada. Malia isto, a situación non mudou.

 

Os incumprimentos en materia de acceso á Seguridade Social das persoas que se trasladan doutros Estados ao Estado español, no dereito para acceder ao ingreso mínimo, que está suxeito a un requisito de duración da residencia establecido na maioría das comunidades en 10 anos e que o propio Goberno recoñeceu que se mantén, ou no dereito das persoas de idade á protección social foron outras cuestións denunciadas.