Folga

A CIG denuncia delitos ambientais no transporte de SOGAMA

Mobilización da CIG polo conflito con Sogama

Desde a Confederación Intersindical Galega alertan “dos delitos ambientais, contra a seguranza viaria e por estafa” que está a cometer a empresa Pacholo, concesionaria de SOGAMA, e defende o cadro de persoal en folga.  

Desde a CIG alertan dos incumprimentos da normativa ambiental no trasporte de residuos sólidos urbanos (RSU) de SOGAMA, concesionado a Transportes Pacholo S.L. De feito, o persoal desta empresa leva xa 21 días en folga indefinida denunciando a falta de medidas de seguridade, tanto nos camións, como nas condicións nas que se transporta a carga. Estas denuncias, segundo afirmou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, derivaron nunha política de acoso laboral ao conxunto do persoal, por parte da empresa Transportes Pacholo S.L., e que tiveron como consecuencia o despedimento de 8 traballadores.

 

O presidente do comité de empresa, Manuel Regueiro, que atendeu os medios xunto a Carril, afirmou esta cuarta feira que no momento en que o cadro de persoal denunciou os incumprimentos en materia  ambiental, na seguranza vial e no peso real excesivo das cargas transportadas foi cando “responderon co acoso, a represión e os despedimentos”.

 

Segundo informan desde a central sindical nacionalista, o transporte de contedores en mal estado está provocando que en moitas plantas de transferencia se produzan vertidos á terra de líquidos que se forman no lixo pola fermentación, e alertan de que están a traspasar á augas superficiais e subterráneas, sen control algún.

 

Ante esta situación en que o propio persoal é quen están demandando que iso se regule, SOGAMA está a amparar a empresa “e permite esas ilegalidades”, segundo denunciou  o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón.

 

SOGAMA está a amparar a empresa “e permite esas ilegalidades”, denunciou Pavón

 

O cadro de persoal tamén chama a atención sobre o feito de que os camións van pasados de peso e que os traballadores e traballadoras non coñecen a carga que levan até que chegan a destino. Así, segundo denuncia o persoal, este non é informado do peso que levan ao saír do punto de orixe e é cando chegan ao destino cando poden descubrir que levan un 20% máis de promedio da carga permitida co que iso supón de inercias, de risco para a condución, para a persoa condutora e para os vehículos que circulan por esa estrada.

 

Alertan de que non se fan os mantementos dos camións e apuntan a que moitos se atopan en malas condicións

 

Alertan tamén de que non se fan os mantementos dos camións e apuntan a que moitos se atopan en malas condicións e pouco preparados para o transporte deste tipo de cargas. Os contedores transportados van por estrada malia iren moitas veces abertos por non teren as tapas en condicións.