A CIG denuncia a caída do poder adquisitivo do persoal dos centros privados de menores

Centro de menores de Santo Anibal en Burela. (Foto: Nós Diario).

A CIG comeza unha campaña pola mellora das condicións salariais, laborais e sociais do persoal dos centros privados e de xestión indirecta que atenden a menores en risco ou en conflito social.

Os traballadores e traballadoras dos centros privados de atención a menores en risco de exclusión denuncian a caída do seu poder adquisitivo.

A CIG culpa desta situación ao “precario dos contratos-convenios coa Consellaría de Política Social, a falta de recursos dos orzamentos da Xunta de Galiza e do Estado Español así como da falta de avances laborais e sociais nos últimos convenios de ámbito estatal de Centros de Reforma Xuvenil e Protección de Menores”.

Conxelación salarial

O sindicato denuncia “conxelacións salariais de case 10 anos; á prestación dun servizo de calidade aos seus usuarios e usuarias, con rateos abusivas doutras épocas e con cadros de persoal moi xustos nas que non se cobren moitas das veces baixas laborais ou por vacacións”.

A central nacionalista critica a “conxelacións das nóminas do persoal e acumulación de perdas de poder adquisitivo de dous díxitos”. Nesta liña, asegura que “hai  situacións de traballadores e traballadoras  con case unha década co salario conxelado e a grande maioría con incrementos salariais anuais por debaixo do IPC”.

A CIG alerta que as instalacións destes centros están “en mal estado por falta de mantemento” e advirte “da falta de medios de transporte axeitados”. Nesta liña, critican os “escasos recursos materiais e humanos, que limitan as actividades do día a día e complementarias”.

Rede pública

O sindicato reivindica que “a Xunta de Galiza asuma na súa totalidade a xestión dos servizos destes centros como centros públicos para todos os efectos, así como o mantemento dos postos de traballo do persoal actual”.

A central nacionalista rexeita “o actual convenio estatal, xa que as súas condicións impiden que os traballadores e traballadoras poidan realizar o seu labor dun xeito digno. Consideramos que non se están a ter en conta as características específicas destes centros na Galiza”.