CIG denuncia que o Concello de Compostela denega enganche de luz para manifestación do 10 de marzo

Si autoriza pasar megafonía e instalar as faixas. Porén, esta autorización prodúcese logo de que o sindicato tivese que recorrer á vía do contencioso administrativo

A CIG vén de recibir a notificación de resolución do concelleiro delegado de Medio Ambiente e Convivencia, por delegación do alcalde, das solicitudes de megafonía, colocación de faixas e punto de luz. Respecto deste último aspecto, o Concello informa de que “en relación coa realización do enganche de luz na Praza de Praterías á vista do informado non procede a autorización municipal, pois estaríase a incumprir a normativa legalmente aplicable”.

O Concello de Santiago de Compostela denega o enganche de luz para a megafonía da manifestación do 10 de marzo, Día da clase obreira galega, segundo denuncia a CIG. O sindicato nacionalista solicitara permisos para megafonía, colocación de faixas e punto de luz. A resposta, que vén de recibir, informa que “en relación coa realización do enganche de luz na Praza de Praterías á vista do informado non procede a autorización municipal, pois estaríase a incumprir a normativa legalmente aplicable”. Si autoriza o Concello pasar megafonía e colocar as faixas, mais iso prodúcese logo de que a CIG tivera que recorrer á vía do contencioso administrativo. A central sindical tramitara o pasado día 11 de febreiro a pertinente solicitude de autorización municipal. O xulgado ditou, a 1 de marzo, unha “medida cautelarísima” na que autoriza tanto o megafoneado como a colocación das faixas.

Autorización

Após ter coñecemento do auto do Xulgado do Contecioso-Administrativo número 2, explica a CIG,, o concello remite a notificación de autorización sen poñer reparo algún ao solicitado. Porén denega o enganche para poder instalar a megafonía na Praza de Praterías, lugar de remate da manifestación, prevista para as 20:00 horas do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, con saída da Praza Roxa.

A CIG lamenta “as limitacións ao dereito de manifestación que, de forma continuada, se veñen producindo por parte do Concello de Compostela, e que xa lle supuxo unha merma económica en anos anteriores ao ter que asumir as costas dos xuízos celebrados por este motivo”.