A CIG denuncia o atraso na vacinación do persoal das escolas infantís

Fabiola García, conselleira de Política Social en funcións, de visita nunha escola infantil da Rede Galiña Azul, nunha imaxe de arquivo.
O sindicato pide que se aclare a situación, máis cando persoal de escolas infantís privadas xa foi citado para a inoculación fronte a Covid-19.

A CIG-Administración Autonómica urxe a aceleración da vacinación do persoal das escolas infantís da rede Galiña Azul, dependentemente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza. Segundo informa nun comunicado, "polo de agora, os chamamentos comezaron nalgún centro privado e da Axencia de Política Social, mais da rede galega, que conta co maior numero de escolas de 0-3 anos públicas, nada se sabe aínda". 

A responsábel nacional do sector da Administración Autonómica, Zeltia Burgos, advirte dos riscos que ten este persoal polas características das súas funcións de coidado e atención das crianzas, que non poden portar máscara e coas que non hai distancia de seguridade posíble, pois hai que collelas no colo para consolalas, darlles de comer ou cambialas.

"Non se entende que se citara antes ao persoal docente daquelas idades nas que o alumnado usa máscaras e non se priorizou a este persoal que traballa con cativas de cero a tres anos", asegura.

Escolas privadas

Burgos afirma que nin o xerente do Consorcio nin o subdirector de persoal da Consellería de Política Social, tampouco as Xefaturas territoriais nin a Consellaría de Sanidade "dá explicacións de que está a suceder coas vacinacións" e que "ninguén explica por que, por exemplo, non se chamou ás traballadoras públicas do Consorcio e xa se citou ás traballadoras das escolas infantís privadas".

Considera que "non se esqueceron" porque xa se realizou a recollida e a entrega de datos pertinente para axilizar o proceso de vacinación. Hai dúas semanas que foron remitidos a Sanidade, mantén, "porén aínda seguen mutis, aínda cando comezaron a vacinacion da poboacion xeral entre 50-55 anos en varias áreas sanitarias, sen ter citado aínda a persoal esencial das escolas infantís da Rede Galiña Azul", que conta, dixo, con 145 centros.

Aclaracións

Desde a CIG demandan aclaracións sobre esta demora e exixen que se proceda xa a vacinar ao persoal público. Ademais, piden que se explique cando se enviaron eses datos a Sanidade dende o Consorcio e por que non se actuou coa celeridade que se precisa nunha situación de pandemia. "A inutilidade do Consorcio na xestión da pandemia levounos a realizar numerosas denuncias na inspección de traballo, por non garantir a seguridade e saúde do seu persoal. Esta de agora é unha mostra máis", sentencia o sindicato.