CIG demanda no Consello Escolar do Estado un maior apoio para o ensino público

Imaxe de arquivo dunha entrega de sinaturas de CIG-Ensino

O sindicato afirma que o pleno do CEE “volveu evidenciar” as “profundas diferenzas” en temas como a privatización da educación, o marco competencial, o investimento público ou o sistema de acceso aos corpos docentes.

O Pleno do Consello Escolar do Estado debateu en Madrid o denominado Informe 2019 sobre o sistema educativo, un documento cunha parte descritiva e unha parte propositiva na que se recollen “propostas de mellora” que o Pleno do CEE eleva ao Ministerio para a súa toma en consideración. Ao texto sometido a debate presentáronse 110 novas propostas e 76 emendas.

 

Desde a CIG, maioritaria no ensino público galego, centraron as súas emendas e propostas en procurar “modificar unha orientación claramente favorábel á privatización do ensino público, a evitar a burocracia e xerarquización do profesorado con postulados que reforzaban a concepción das direccións como un ente practicamente segregado do profesorado, así como a defender un marco competencial que respectase e potenciase a capacidade das Comunidades Autónomas fronte a unha vocación claramente recentralizadora presente en boa parte das organizacións presentes no Pleno.”

Varias das propostas da central nacionalista contaron co voto afirmativo da maioría do Pleno, polo que pasan a incorporarse ao texto final do Informe. Son temas como a necesidade de que aumente a oferta de centros públicos na etapa de 0-3 anos de Infantil, o incremento progresivo do investimento en educación ou a recuperación da xubilación anticipada aos 60 anos con carácter xeral para todo o profesorado ou a xubilación parcial de relevo no ensino privado.

Outras propostas non non contaron cos votos suficientes, como a referida a unha reforma legal no sistema de acceso á función pública que diferencie na oferta de prazas e nas condicións para acceder aquelas que son froito de xubilacións ou falecementos (e que sería  propiamente taxa de reposición) daquelas outras que son vacantes estruturais e están ocupadas desde hai anos por profesorado interino.

Outra das rexeitadas partían dunha concepción descentralizada do Estado “e respectuosa co carácter plurinacional e competencial no deseño de futuras leis ou pactos tanto de carácter regulador do sistema educativo como das condicións de traballo e da carreira profesional do profesorado do ensino público”.