CIG demanda cinco concellos por vulnerar o dereito á igualdade na selección de persoal

Casa do Concello de Cualedro, un dos denunciados pola CIG. Foto: Elisardojm

O sindicato interpuxo contencioso administrativo contra os concellos de Laza, Oímbra, Monterrei, Cualedro e Vilardevós. Acusa os gobernos locais de “ “deseñar unha carreira de obstáculos para favorecer a un grupo reducido de escollidos”.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Ourense publicaba o pasado 9 de xullo sete resolucións de cinco concellos polas que se aprobaban as bases para contratación de persoal temporal, nomeadamente traballadores das brigadas de incendios mais tamén monitores, albaneis e outras profesións. A través destes anuncios tamén se convocaban os correspondentes procesos selectivos. O sindicato CIG aponta que as persoas interesadas tiñan o “exiguo prazo” de 3 días hábiles para presentar as solicitudes. E que as bases reguladoras das convocatorias publicaríanse nas webs dos municipios e nos taboleiros de anuncios. Para a central, isto significa que non se publicaron en diarios oficiais, tal e como obriga a lei.

“Deseñaron unha carreira de obstáculos coa finalidade de agochar aos cidadáns en xeral as convocatorias, reducir ao máximo a súa difusión pública, dificultar a obtención das bases reguladoras e, en definitiva, quebrar o principio de igualdade, co obxecto de reservar os postos de traballo públicos pra un grupo reducido de escollidos”, sostén a CIG.

 Puntuación

Na maioría das bases reguladoras publicadas, explica o sindicato, outórgaselle 0,25 puntos por mes e un máximo de catro puntos a quen acredite a prestación de servizos previa para o propio Concello ofertante; fronte aos 0,10 puntos por mes e un máximo dun punto a quen acredite a prestación de servizos nalgunha das demais ddministración públicas, “tornando tal criterio discriminatorio por razón de residencia e emprego”, sostén a central.

Prevese, aliás, a realización da denominada entrevista persoal, consistente na avaliación duns supostos méritos específicos (indemostrábeis obxectivamente). “En realidade, esta entrevista persoal, baixo a aparencia dunha segunda avaliación de méritos, non é mais que o típico apaño para facer o encaixe pretendido e adxudicar o posto a quen se prefire”, critican. Por iso o sindicato interpuxo contencioso administrativo contra os concellos de Laza, Oímbra, Monterrei, Cualedro e Vilardevós.