A CIG defende os departamentos de portugués nos centros de ensino, que a Xunta veta

Imaxe do IES San Paio de Tui.
A área de Ensino da CIG vén de remitir unha carta á Dirección Xeral de Centros da Consellaría de Educación para reclamar que autorice nos institutos a creación de departamentos de segundas linguas e "non discriminar o portugués e o alemán". 

O obxectivo, segundo indica o sindicato, é acabar coa "anomalía" que ocorre nos centros, especialmente en Secundaria, nos que se imparte como segunda lingua portugués ou alemán onde, porén, non está permitido contar con departamento propio. 

Como expón o escrito, a situación baséase nunha "norma obsoleta", un decreto de 1996 polo que se aprobou o regulamento orgánico dos institutos, e no que se admite o departamento de francés –algo que desde a CIG defenden–, mais non de linguas, como o portugués. 

A organización pon como exemplo o IES San Paio de Tui, o primeiro que introduciu o portugués como segunda lingua, que neste curso acaba de recibir a notificación da Inspección Educativa da supresión deste departamento, aínda cando mantén a oferta deste idioma, unha situación que xa se dera  previamente no IES Barral de Ponteareas

A fin de "acabar con esta discriminación" e igualar dereitos  co francés, a CIG chama a Xunta a abrir unha negociación para reformular o regulamento orgánico dos centros e dotar de todos os dereitos en igualdade de condicións o profesorado desta especialidade.

Nese sentido, alude ao "espírito" da Lei Paz-Andrade, "que seis anos despois, aínda ten moito percorrido para que a Consellaría facilite a implantación do portugués no noso sistema educativo", estima o sindicato.