Concentración en Compostela

A CIG critica que a Xunta non restitúa os dereitos do persoal docente

Concentración da CIG Ensino en San Caetano (Compostela), este 18 de setembro. Foto: CIG.
O sindicato maioritario no ensino público quere que a Xunta negocie dunha vez a resititución de dereitos do persoal docente. En concreto, a devolución do horario lectivo ao profesorado, 18 horas máximas semanais en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, e as 21 en Primaria e Infantil. A CIG levou esta cuarta feira a súa reivindicación a San Caetano, onde se concentrou en protesta contra os recortes.

A CIG lembra que eses dereitos que esixe xa foron restutuídos noutras seis comunidades autónomas. “Galiza foi á dianteira nos recortes e agora estamos á cola na devolución dos dereitos roubados”, expuxo o secretario nacional de CIG Ensino, Suso Bermello. Para o dirixente sindical, o regreso ás 18 e 21 horas semanais “redundaría nunha mellora da calidade educativa porque o profesorado podería dedicar o seu tempo ao realmente importante, a preparación das clases, ademais de poder ter unha atención máis individualizada”.

A maiores, sinalou Bermello, unha decisión así “tería un efecto inmediato no aumento de postos de traballo e na redución de profesorado que imparte materias afíns, que neste intre acada cifras escandalosas”. “A diminución de ratios e das itinerancias e a perda de postos de traballo ou o aumento da precariedade para o persoal interino e substituto son outros asuntos relevantes que deberían tratarse na mesa sectorial de educación, que a consellaría quere baleirar de contido”, engadiu.

Representantes sindicais da CIG Ensino aproveitaron para despregar unha faixa reivindicativa no edificio da Consellaría de Educación, rapidamente retirada polos axentes de seguridade.