A traballadora do SAF asasinada pediu á empresa cambiar de casa por acoso na véspera do crime

Concentracións da CIG e CCOO esta cuarta feira 30 de xullo no Porriño. Abaixo, vixilia das compañeiras da vítima, esta terza feira á noite. (Foto: Nós Diario)
O asasinato esta terza feira dunha traballadora do servizo de axuda no fogar (SAF) no Porriño nun dos domicilios onde prestaba asistencia vén de provocar condena e indignación en todo o país. Facía tempo que os sindicatos advertían da “desprotección” na que traballan no sector, a CIG pediu esta cuarta feira a paralización do servizo no Porriño e anunciou unha folga para que se tomen medidas urxentes. Aliás, concesionaria coñecía os problemas que sufría a vítima no domicilio do Porriño

Profesionais do servizo de axuda no fogar (SAF) da Galiza acudiron esta cuarta feira a traballar cun lazo negro en “solidariedade” coa familia da súa compañeira asasinada esta terza feira no Porriño (comarca de Vigo), Teresa de Jesús González, nun domicilio a mans, supostamente, do marido da usuaria á que atendía. Co lazo negro, tamén quixeron “visibilizar o perigo da profesión”, segundo explicaron os sindicatos a Nós Diario. Esta terza feira á noite, moitas das 60 compañeiras da auxiliar asasinada esa mesma mañá no Porriño acenderon candeas na Praza do Concello en lembranza da vítima, natural de Mos e veciña do Porriño, de 48 anos. Esta cuarta feira, dúas concentracións diante do Concello, ás 12 do mediodía e ás oito da tarde convocadas a primeira pola CIG e a segunda por CCOO -os dous sindicatos representados no comité do SAF do Porriño- lembraron a auxiliar asasinada e reivindicaron “o fin da precariedade” destas traballadoras, “é misoxinia pura, o SAF está baseado na precariedade das auxiliares”, denunciaron.

Centos de persoas amosaron a súa condena ao asasinato esta cuarta feira no Porriño. Convocadas pola CIG -coa presenza do seu secretario xeral, Paulo Carril- pediron a paralización deste servizo no concello “mentres non se garanta a seguridade” de todas as traballadoras.

“Con Teresa chega tarde”, dixo Mercedes Domínguez -responsábel da CIG no Porriño- na concentración, “estamos fartas de que non se tomen medidas reais de prevención”, criticou. Domínguez lamentou que no caso de Teresa de Jesús “a súa palabra non valeu para nada” en relación ás advertencias sobre os problemas no domicilio, esta cuarta feira finalmente foi asasinada. Desde o sindicato nacionalista Paulo Carril lamentou o “abandono e a precariedade” ás que a Xunta da Galiza e as empresas teñen condenadas ás traballadoras do SAF. Anunciou que a CIG persoarase nas dilixencias xudiciais para depurar responsabilidades, centrados no papel do Concello e a Xunta na xestión deste servizo. O sindicato convocou para mañá mobilizacións en todos os concellos en solidariedade con Teresa de Jesús e Paulo Carril avanzou a convocatoria dunha folga no sector para que este suceso “supoña un antes e un despois".

Pola súa parte, a conselleira de Política Social, Fabiola García, preguntada esta cuarta feira polo caso nun acto en Ares (Ferrolterra), animou as traballadoras do SAF a denunciar os casos de acoso porque “é a única forma de protexelas”. García animou a denunciar nas empresas prestadoras de servizos, na Garda Civil e nos Concellos, “que son os competentes na prestación”, malia que o seu departamento ten a responsabilidade en materia de Inspección.

Olalla Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento, demandou esta cuarta feira “un protocolo de “prevención e protección” para garantir a seguridade destas traballadoras, e a súa abordaxe na comisión mixta Xunta-Concellos actualmente aberta, de forma que a súa elaboración e posta en funcionamento sexa por igual en todos os concellos do país.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lourenzo, compareceu tamén esta cuarta feira diante dos medios de comunicación a respecto do caso para asegurar que a empresa concesionaria, Aralia O Porriño, era coñecedora das reticencias da traballadora de acudir a ese domicilio, e mesmo sinalou que a empresa “ía cambiala”. Segundo Lourenzo, os técnicos de Servizos Sociais do Concello están a investigar a respecto do acontecido por se é preciso abrir expediente á empresa “se corresponde”. O rexedor anunciou que o Concello actuará “en consecuencia e con contundencia” cando teña as “probas necesarias” sobre o caso, e avanzou que tamén se presentará na causa xudicial “para que se depuren todas as responsabilidades” derivadas da morte de Teresa de Jesús. Até o de agora os servizos técnicos do Concello teñen informado de que o servizo que presta Aralia “si ten deficiencias noutros sentidos”, recoñeceu.

Dilixencias policiais e xudiciais do caso

O septuaxenario detido no lugar dos feitos, na parroquia porriñesa de Atios, permanece ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, baixo custodia policial e á espera de que se lle practiquen os exames forenses preceptivos por parte da Unidade de Saúde Mental do centro sanitario antes de pasar a disposición xudicial, segundo informou esta cuarta feira en declaracións aos medios o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco. Cos resultados destes exames médicos Branco avanzou que o detido podería pasar en horas a disposición da xuíza do Xulgado número 1 do Porriño, encargada do caso. Branco fixo un chamamento a “non xeneralizar nin crear alarma social” co suceso.

Tamén no Concello do Porriño explicaron esta cuarta feira a Nós Diario que non ían facilitar máis datos sobre o caso, “a investigación está en curso”, aseguraron.

A empresa, nun comunicado, recoñeceu que a vítima lle comunicou na véspera de ser asasinada os problemas que estaba a ter na casa na que a mataron. Aínda así, o día seguinte tivo que ir traballar a esa morada. Minutos antes de ser asasinada, chamou para renunciar. 

O modelo de implantación do SAF na Galiza

Unhas 20.000 traballadoras -máis de 90% mulleres- prestan o servizo de axuda no fogar na Galiza. A maioría dos 315 concellos que xestionan este servizo desde hai máis dunha década téñeno subcontratado con empresas privadas. O financiamento do SAF chega vía Lei de Dependencia tanto da Xunta da Galiza como do Estado español, aínda que os Concellos galegos a través da Fegamp teñen denunciado reiteradamente a falta de financiamento e a asunción de “competencias impropias” que supón nas administracións locais este servizo. A contratación dos Concellos coas empresas que xestionan o SAF estabelece as condicións singulares de cada territorio, pero cando un destes servizos detecta problemas nos domicilios, casos de “acosos, violencia, vexacións e mesmo racismo” -segundo advirte Alejandra Gesto, secretaria xeral da Federación Hábitat de CCOO Galiza-, a competencia de xestión pasa á Xunta da Galiza, a través da Inspección da Consellaría de Política Social.

“É a Xunta quen nestes casos ten que suspender o servizo cautelarmente”, explica Alejandra Gesto, pero na práctica “solicitamos o ano pasado máis dunha ducia de paralizacións por risco inminente para as traballadoras e aos dous días e sen tomar medidas seguiron prestándose os mesmos servizos”.