CIG considera “un despropósito” que se arquive a causa dos helicópteros malia a “ilegalidade” da Xunta

Fernández Couto coa conselleira, Rosa Quintana. Imaxe da Xunta

Un “exercicio de surrealismo xudicial". Así cualifica a CIG a decisión do titular do Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela de arquivar provisionalmente a causa aberta a raíz da denuncia que este sindicato presentou na Fiscalía no ano 2012 pola adxudicación “a dedo” da contratación do servizo de helicópteros e brigadas as empresas Inaer e Natutecnia, respectivamente.

 

A central lembra que esta denuncia foi refrendada polas irregularidades que o Consello de Contas detectou nese e noutros contratos nos que o denominador común é a presencia en todos eles de Inaer. “Pese a recoñecerse no auto que a Xunta cometeu unha ilegalidade na citada contratación, a Xustiza non ve indicios de prevaricación e limita as posibles responsabilidades ao ámbito administrativo”.

 

O xuíz utiliza como argumentación para xustificar a adxudicación a Inaer a excepcionalidade do momento e o feito de que esa empresa xa fora a adxudicataria nos concursos anteriores e posteriores ao do ano 2012, mais obviapara a CIG  un detalle moi importante. “Nese ano 2012, por primeira vez, o contrato contemplaba o Servizo integrado de helicópteros e brigadas, aspecto este último totalmente novidoso con respecto aos contratos anteriores”.

 

Nese senso, CIG  lembra que na denuncia presentada pola central sindical se anunciaba, con case un ano de antelación, a adxudicación a dedo a Inaer do servizo dos helicópteros e a “subcontratación” do servizo das brigadas a Natutecnia, como así aconteceu.

 

CIG-Autonómica non comparte en absoluto o disposto no auto xudicial e considera que a “subcontratación” das brigadas á empresa Natutecnia “non ten cábida na argumentación do xuíz, polo que si poderiamos estar a falar dunha suposta prevaricación”.

 

Cualifica o auto xudicial de “despropósito sen sentido” porque “deixa quedar moi mal parada a unha institución como é a xustiza, que debera velar polos intereses xerais dunha cidadanía que cada vez mira con máis receo as súas actuacións”.