CIG chama a participar na manifestación contra a 'ilegalización' de Causa Galiza

O sindicato considera que que baixo a escusa da “loita contra o terrorismo”, a 'Operación Jaro' procura “criminalizar e deixar fóra da legalidade o independentismo organizado”.

Mediante un comunicado público, o sindicato nacionalista CIG amosou o seu apoio á mobilización que este domingo, 24 de xaneiro, decorrerá en Compostela baixo o lema 'Non á ilegalización de organizacións políticas. Polos dereitos civís e políticos para todas!” e que conta coa apoio de máis de sesenta axentes políticos e sociais. A central sindical sinala, en referenza á 'Operación Jaro', na que se detivo 9 membros de Causa Galiza, que “nos atopamosante un novo caso de represión, nunha operación cunha aberta intencionalidade política, que baixo a escusa da “loita contra o terrorismo” busca criminalizar e deixar fóra da legalidade o independentismo organizado”.

A CIG enmarca este operativo “no retroceso dos dereitos e liberdades civís e políticas practicado polo goberno español”, e que se traducen en medidas como a Lei Mordaza ou a “aplicación sistemática” de sancións penais e administrativas, “pretende reprimir a protesta e á mobilización social,  limitando gravemente dereitos fundamentais”.

Fronte a isto, explica a CIG, o dsindicato “súmase á esixencia de garantías para o pleno exercicio das liberdades de reunión, asociación e manifestación para todos os galegos e galegas, o levantamento da suspensión das actividades a Causa Galiza, así como a retirada das graves imputacións penais ás que están sometidas as nove persoas detidas”.