CIG chama a mobilizarse o 29 de novembro ‘contra a pobreza e a crise’

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no feche do oitavo congreso da central sindical. (Foto: Nós Diario)

Máis dunha ducia  de localidades galegas acollerán a vindeira terza feira mobilizacións “contra a pobreza e a crise” convocadas pola CIG.

A CIG chama a mobilizarse o vindeiro 29 de novembro contra a pobreza e a crise. O sindicato entende que “hai que facer fronte a esta situación, porque está en risco que a clase traballadora galega sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores”.

As sete cidades galegas así como as principais cabeceiras de comarca acollerán as mobilizacións do sindicalismo nacionalista. Entre estas últimas, atópanse localidade como Verín, O Barco, A Guarda, A Estrada, Vilagarcía ou Burela.

A central sindical considera que “estamos nunha situación económica e social extrema que está a ter un impacto brutal, nunha Galiza con importantes sectores produtivos e comarcas enteiras agonizando, con cada vez menos emprego e industria, con máis emigración e con máis poboación avellentada”.

A alza dos prezos

A CIG advirte da “grave carestía da vida, xa presente desde antes da guerra mais agravada desde o seu inicio, está acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza”.

A organización denuncia “a insuficiencia das medidas do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra e as nefastas actuacións do Goberno galego”. Nesta dirección, demanda actuacións urxentes para inverter o rumbo da crise en curso.

O sindicato advirte “dun duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas exixencias da UE e acceder a uns envelenados fondos europeos que están a hipotecar o noso futuro”.

Uns orzamentos inxustos

A CIG cualifica “os orzamentos do Goberno galego e os do Goberno español son unha suma de medidas inxustas, tanto pola discriminación do destinado a Galiza, como porque non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais”.

A central sindical crítica “de lesivas reformas na Seguridade Social, que se suman á última reforma laboral, na que nin recuperamos nin gañamos dereitos, mentres avanza, baixo novas formas, a precariedade laboral”.

O sindicalismo nacionalista amósase convencido que “estamos chamados e chamadas ao conflito ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e estatal, para que se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos”.