A CIG chama a manifestarse o 21 de xaneiro contra o "desleixo da Xunta" na crise dos pellets

Pellets de plástico na praia coruñesa de Sabón. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A CIG fai un chamamento a participar masivamente nesta mobilización para denunciar o “desleixo, as mentiras, a manipulación e a incompetencia do goberno de Alfonso Rueda.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifesta o seu apoio á mobilización convocada polos sectores pesqueiro e ecoloxista, baixo o lema ‘En defensa do noso mar’, o vindeiro domingo día 21 de xaneiro, con saída ás 12 horas da Alameda compostelá. Entre as entidades convocantes están plataformas en defensa da ría de Arousa e de Muros-Noia, as principais organizacións galegas de bateeiros, diversas agrupacións de mariscadores e mariscadoras, confrarías de pescadores e distintos colectivos ecoloxistas que teñen organizado durante estes días o voluntariado de limpeza das praias afectadas polas verteduras.

A central sindical nacionalista súmase á denuncia da “máis que nefasta” e “incompetente” xestión da Xunta da Galiza ante a vertedura dos pellets de plástico que inunda as praias galegas.

A CIG fai un chamamento a participar masivamente nesta mobilización para denunciar o “desleixo, as mentiras, a manipulación e a incompetencia do goberno de Alfonso Rueda, que pretendeu minimizar o impacto ecolóxico dos pellets para eludir a súa responsabilidade abocando novamente o pobo a autoorganizarse para suplir o abandono da administración galega das súas responsabilidades”.

Inacción do Estado

A central sindical denuncia ademais a inacción do Estado español, ao que tamén acusa de “incompetente”, por eludir, ao igual que o PP, as “súas responsabilidades” e reclama para a Galiza as competencias para poder decidir sobre as costas do país, máis en casos como este.

Xunto a isto, fai súas as reclamacións dos sectores convocantes e exixe tamén un urxente plan de apoio ao sector pesqueiro e un inmediato plan de actuación contra as verteduras deste o de calquera tipo.

Momento delicado

A chegada das verteduras de pellets á costa galega prodúcese nun momento delicado para a actividade do complexo pesqueiro nas rías galegas. Nesta conxuntura, destacan as entidades convocantes, a “complicada situación do sector marisqueiro, ocasionada pola forte mortalidade dos bivalvos, que obrigou a paralizar a actividade en áreas como a ría de Muros e Noia”.