Xornada de mobilización nacional

A CIG chama a derrogar xa a reforma laboral e advirte contra a política de xestos do Goberno Sánchez

Cabeceira da manifestación da Coruña, con Paulo Carril no centro da faixa

A principal mensaxe que enviou a CIG coas súas mobilizacións desta cuarta feira nas cidades galegas é que o novo goberno español debe pasar dos xestos aos feitos. Se o PSOE conseguiu apoios suficientes para derrubar o Goberno Raxoi vía moción de censura, debe facer o propio para botar abaixo xa a reforma laboral. Así o defendeu Paulo Carril, o secretario xeral da central nacionalista, durante a súa intervención na concentración realizada na Coruña. "Goberne quen goberne, a CIG non se vende" foi un dos cánticos estreados pola central nacionalista nestas mobilizacións. Un claro recado ao novo executivo estatal.

A greve xeral do 19 de xuño -convocada en solitario pola CIG- era unha moción de censura contra o Goberno Raxoi. Caído este -a central nacionalista considera que a presión na rúa foi un dos factores que tornou insustentábel a permanencia do PP no goberno do Estado-, a CIG trocou a greve -formulada contra un goberno que xa non existía- por unha xornada de mobilización nacional, sob o lema de "Xa é hora de recuperar os nosos dereitos". O propósito é non baixar a garda e non perder o pulso do combate social. As cidades galegas e as principais vilas cabeceira de comarca acolleron este 19X as novas accións da CIG na rúa.

 

"Os dereitos non veñen do diálogo social nen os concede ningún goberno alegremente", alegou Paulo Carril na súa intervención de clausura da marcha na Coruña. O secretario xeral da central nacionalista advertiu do risco de caír no engado dos xestos baleiros de contido que, ao seu xuízo, podería despregar o novo Goberno español. E nesa dirección alertou da mudanza no discurso de Pedro Sánchez. Na oposición prometía a derrogación da reforma laboral. Agora -afirmou- comeza a se desdicer alegando falta de apoio parlamentar. Contra-argumenta Carril a este respeito que se o PSOE foi quen de conseguir os votos necesarios para tombar Raxoi tería tamén que ser capaz de os reunir para anular a reforma laboral.

 

"Non valen reformiñas nin maquillaxes" clamou Carril, quen a seguir instou Sánchez a que procure a correlación de forzas necesaria no Congreso para mudar as políticas do PP. Se non axir nesa dirección, estaríamos perante unha moción de censura fraudulenta. "A reforma laboral debe ser totalmente derrogada e se non o fan é porque están de acordo con ela", alegou.

 

Non desistir da mobilización

 

A mobilización é o camiño para a reconquista dos dereitos perdidos. Esa idea percorreu o discurso da CIG -as faixas, as palabras de orde, as intervencións-. Insistir na vía do chamado pacto social -coa que están comprometidas CC OO e UXT- non leva máis que a lexitimar políticas xa fracasadas. "Resulta lamentábel ver outra vez o papel derrotista da UXT e de CC OO", afirmou Carril, quen tildou de "perversa·" o que chamou a "ideoloxía da concertación social".  "Por aí non virán as solucións ao empobrecemento xeneralizado, nin o remate das novas formas de contratación que escravizan as condicións de traballo, nin acabaremos cos baixos salarios e a pobreza laboral", alegou.