CIG chama a unha ‘ciberacción’ contra a supresión das áreas sanitarias

[Imaxe: CIG]

A Confederación Intersindical Galega vén de facer un chamamento á poboación a que envíe mensaxes de rexeitamento á decisión do Goberno galego de suprimir as áreas sanitarias de Burela,  Monforte, O Barco e o Salnés. Para iso, a central nacionalista propón aproveitar o mecanismo das suxestións previsto no Portal de Transparencia, no que está en exposición pública o anteproxecto de modificacións da Lei de saúde. 

A CIG rexeita o redeseño impulsado polo Partido Popular que pivota, fundamentalmente, sob a supresión de varias sanitarias para se concentrar en macro-áreas sanitarias que “afastan a sanidade das zonas máis periféricas e centralizan servizos”. Un modelo que xa tencionou impoñer o PP no seu retorno ao goberno galego en 2009. Daquela, foi unha importante vaga de mobilizacións e protestos, dos que nacería a plataforma SOS Sanidade Pública, e que logrou torcer o pulso do executivo popular, asegurando o mantemento da estrutura de áreas até ese momento vixente. No entanto, hai oito anos xa se introducía a figura das áreas de xestión integrada que, segundo a CIG, “supuxeron a merma da calidade da atención sanitaria que se presta en zonas pequenas e afastadas dos centros de decisión”. Citan como exemplos as áreas de Valdeorras ou A Mariña.

 

Desta volta, o anteproxecto en trámite, de se manter inalterado, suporá a supresión das áreas de Burela,  Monforte, O Barco e o Salnés. Unha decisión que colidiría cos criterios recollidos na propia Lei Xeral de Sanitaria que, lembran, estabelece que “as áreas sanitarias delimitaranse tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de de dotación de vías de comunicación.

Participación

Diante desta “grave ameaza”, o sindicato propón a toda a poboación que se revolva contra o redeseño bosquexado polo PP. Para iso suxiren que se lle faga chegar ao goberno galego un texto-tipo, a través dos medios electrónicos que facilita o propio Portal da Transparencia da administración galega.

 

No texto reclámase que se abra “a posibilidade de crear un grupo de traballo parade debater sosegadamente” un novo mapa sanitario para Galiza. “Non se poden eliminar áreas sanitarias, afastando os centros da toma de decisión da poboación”.

 

O texto íntegro fica accesíbel desde o sitio web da  CIG.