CIG, CCOO e UXT rexeitan a mina de Touro

[Imaxe: Erik Dobaño] Planta de tratamento de plásticos nos terreos da antiga mina.

Pronúncianse contra un proxecto que, afirman, terá un grave impacto nas actividades agrarias e no ambiente.

CCOO, CIG e UGT da comarca de Compostela rexeitan a reapertura da mina de Touro-O Pino. Así o manifestan estes tres sindicatos nun manifesto conxunto contra este proxecto de megaminaría a ceo aberto “que ocasionará un serio prexuízo ás actividades agrícolas, gandeiras e forestais”.

 

As centrais afirman que a mina vai afectar negativamente a actividades agrogandeiras ou forestais. Un proxecto que é “pan para hoxe e fame para mañá”, consideran. Por iso é necesario “constatar este estrago e facer partícipe del a cidadanía”.

 

Por último, as tres organizacións manifestan publicamente o seu apoio á Plataforma veciñal ‘Mina Touro-O Pino, non’, partillando a esixencia á Xunta de rexeitar o proxecto, a solicitude ao Goberno galego para que denegue a reapertura, e a demandar da Xunta que obrigue o titular da concesión a restaurar os solos e augas, subterráneas e superficiais, contaminadas pola anterior actividade mineira.