Critica que non reforce o servizo público

A CIG acusa a Xunta responsabilizar as mulleres dos coidados de dependentes

O sindicato nacionalista considera “electoralista” a proposta da Xunta de incrementar a contía das libranzas para a atención a persoas dependentes. Sinala que esta estratexia responsabiliza as mulleres dos coidados.

A través do colectivo de xubiladas e pensionistas, a CIG está a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas para facerlle chegar ao Goberno galego “o malestar de usuarias do servizo de dependencia” e a “necesidade de cambios lexislativos e orzamentarios para cubrir as demandas” actuais.

 

O sindicato nacionalista ve “electoralista” a proposta da Xunta de incrementar as contías das libranzas para atender persoas dependentes e afirma que “segue responsabilizando as mulleres dos coidados”. Para a CIG deben asumirse como responsabilidade “de toda a sociedade” e debe garantirse “unha atención adecuada a través dunha rede pública de servizos”.

 

Neste sentido, a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, pon de manifesto que as melloras son “urxentes” para que “todas as persoas dependentes teñan unha atención adecuada a través de servizos públicos e tamén para ir dando pasos na consecución dunha igualdade real entre mulleres e homes, dado que é sobre elas sobre as que recae a inmensa maioría de traballo de coidados e atención que non cobren as administracións públicas”.

 

O DOG publicou hoxe o incremento das partidas destinadas ás chamadas libranzas 

 

A reacción da CIG chega no día en que se publica no DOG o incremento das partidas destinadas ás chamadas libranzas, que implican que familiares, na súa inmensa maioría mulleres, se sigan facendo cargo dos coidados a cambio dunha contía económica.

 

Para o sindicato nacionalista a suba das contías implica continuar na senda marcada polo Goberno de Feixoo, a quen acusan de “desmantelar os servizos sociais públicos, de recortar prestacións e servizos e de financiar con cartos públicos un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista, no marco dunha lei –a de familia– que cousifica a muller e que pretende devolvela ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar”.

 

As invisíbeis

 

Méndez pon o foco nas mulleres que hoxe son dependentes e precisan atención, “son desas que traballaron toda a súa vida facendo labores de coidados no fogar e fóra del, invisibilizadas, sen percibir remuneración nin cotizar, labores que nunca foron recoñecidos, nin hoxe o son”. “Esas mulleres”, indica, “hoxe cobran pensións miserábeis por estaren condenadas a unha vida de infinitos traballos sen cotización”.

 

Os últimos datos indican que máis de 1.500 persoas das que teñen solicitado o recoñecemento do grao de dependencia seguen agardando por unha resolución, e das máis de 67.000 que si teñen recoñecido o grao e a prestación de servizos, perto de 12.000 seguen sen obtela. Quen se ocupa desas tarefas de atención que se deixan de cubrir pola Administración son novamente mulleres, “porque ese é o rol que teñen reservado tradicionalmente por esta sociedade patriarcal, porque son as mulleres quen solicitan excedencias para coidar, porque son elas as que sofren os recortes nos servizos públicos e na dotación de cadros de persoal dos mesmos”.

 

En 2017, máis de 29.000 persoas necesitaban e non recibían axuda a domicilio, mentres que superaban as 12.000 as que precisando atención en centro de día, non a estaban a recibir

 

Segundo os datos recollidos polo IGE, en 2017, máis de 29.000 persoas necesitaban e non recibían axuda a domicilio, mentres que superaban as 12.000 as que precisando atención en centro de día, non a estaban a recibir. A este respecto Méndez lembra que o pasado 8 de marzo a Xunta de Galiza, para boicotear a folga de mulleres, impuxo uns servizos mínimos abusivos, mesmo aumentando os previstos para a folga convocada o 8M de 2018, nos centros de atención á dependencia, sabedora de que son maioritariamente mulleres quen traballan nestes centros.

 

As propostas

 

Entre as mudanzas que propón a CIG atópase a redución de prazos dos trámites e resolucións e o aumento e dotación suficiente das equipas de valoración; a priorización da prestación de servizos a través de medios públicos fronte ás libranzas;  a eliminación dos copagamentos nas prestacións e o aumento de recursos públicos, desde residencias, até centros de día.

 

Tamén reclama unha mellora do servizo de Axuda no Fogar e das condicións laborais da persoas que o prestan;  a reversión do servizo á administración galega, coa súa integración no Consorcio Galego de Servizos de Benestar e Igualdade e o incremento das partidas orzamentarias para o programa Xantar na Casa.