CIG acusa a Xunta de “poñerlle unha alfombra vermella” á universidade privada ligada a Abanca

Considera que a iniciativa sería “nefasta” para os “intereses” da universidade pública galega.

A Xunta non só non ten reparos en que a universidade privada se asente na Galiza senón que “apoia” esta iniciativa. Así o denuncia a CIG, que afirma que o goberno galego pon “unha alfombra vermella” á universidade privada ligada a Abanca

“Insistimos en que o que precisa o sistema educativo galego e, en concreto, a oferta de estudos universitarios non é a entrada de entidades lucrativas no negocio das ensinanzas superiores senón o reforzo orzamentario destinado ás tres universidades públicas galegas rematando coas limitacións impostas polo goberno galego e permitindo a ampliación da oferta educativa coas adaptacións ás necesidades e potencialidades sociais e laborais do país”, indica o sindicato.

Para a CIG ás políticas que impediron nestes últimos anos o medre de matrícula no SUG haberá que engadirlle, cando se poña en marcha a oferta da universidade de Abanca, que centrará o seu nicho de mercado en Santiago, A Coruña e Vigo, os efectos que poida producir esta nova entidade privada nas titulacións que actualmente ofertan as universidades galegas.  “O que se coñece dos planos da Universidade de Abanca é que se dirixe claramente cara estas titulacións que a Xunta pretende reducir no Sistema Público. Por iso, non parece lóxico que se autoricen estas titulacións a unha universidade privada”.

O secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, respondendo a unha pregunta da deputada do BNG Olalla Rodil, explicaba o 14 de decembro no Parlamento de Galiza os plans de creación dunha universidade privada na Galiza, promovida polo grupo financeiro Abanca. Sería a primeira universidade privada do país e, segundo o proxecto, buscaría especializarse no ámbito das ciencias sociais e estudos empresariais. Os prazos manexados apuntan a que podería iniciar a súa andaina no horizonte do curso 2021-2022.