A CIG acusa ao Sergas de adiantar a este sábado a apertura dos PACs: "Sen ningún tipo de comunicación previa"

Sentada da CIG ante a Consellaría de Sanidade, a pasada quinta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Carnota (comarca de Muros), Outes (comarca de Noia), Teo (Compostela), Oroso (comarca de Ordes), Porto do Son (comarca de Noia) ou Mazaricos (Xallas) verán fechados os seus centros de saúde, derivando toda a asistencia aos PACs correspondentes.

CIG-Saúde denunciou que a área sanitaria de Santiago de Compostela e O Barbanza porá en marcha o decreto que permite a apertura de puntos de atención continuada (PAC) os sábados pola mañá a este próximo 4 de abril, a pesar de ser unha medida posposta polo Sergas.

Lembran que esta medida xerou un "profundo malestar" entre o persoal dos PACs que se evidenciou, apuntan, na concentración da pasada sexta feira 27 de marzo ante a Consellaría de Sanidade.

A modificación do decreto, apuntan, aínda non se publicou oficialmente e permanece, unicamente, no Portal de Transparencia.

Precisamente na mesa sectorial do 27 de marzo, a Secretaría Xeral Técnica asegurou que a medida non entraría en vigor até o 1 de xuño.

Mais, alerta o sindicato, a área compostelá decidiu "adiantarse", polo que os centros de saúde que até o de agora mantiñan actividade os sábados pola mañá —e que non pertencen ao ámbito PAC— serán fechados, centralizando a atención nos PACs de referencia.

Así, indican, concellos como Carnota (comarca de Muros), Outes (comarca de Noia), Teo (Compostela), Oroso (comarca de Ordes), Porto do Son (comarca de Noia) ou Mazaricos (Xallas) verán fechados os seus centros, derivando toda a asistencia aos PACs correspondentes.

Critican ademais que todo isto se fixo "sen ningún tipo de comunicación previa á representación dos traballadores". "Entendemos que debería ser informada antes da toma e aplicación dunha decisión desta relevancia", lamentan.