Cifras récord malia frear a suba da Covid

Varias persoas consomen nas terrazas de Sanxenxo, en nivel máximo desde esta medianoite. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Os principais indicadores da pandemia seguen a rexistrar novas marcas na quinta vaga da Covid. A maior incidencia segue a castigar os grupos de idade máis novos á espera de iniciar a vacinación. Porén, a velocidade de crecemento dos contaxios comeza atenuarse ao tempo que entran en vigor novas restricións.

Galiza vén de rexistrar esta sexta feira o récord de contaxios diarios desta quinta vaga da Covid, unha marca que os expertos non descartan superar na recta final desta semana. "Non sería de estrañar que Galiza rozase os 1.800 ou 2.000 casos novos diarios entre hoxe e mañá para fechar a semana con 10.000 novos infectados", explica a Nós Diario o médico internista Nacho Ramil, que segue de perto a evolución epidemiolóxica da Covid desde a primeira vaga.

Segundo os últimos datos actualizados pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, Galiza suma 15.109 casos activos, 1.593 novos positivos diarios e 37 hospitalizados máis que eleva a cifra total de pacientes Covid até os 212, dos cales 23 se recuperan en UCI. Pola súa banda, a taxa de positividade de todas as probas diagnósticas supera 12%, moi lonxe de 5% fixado pola OMS para dar por controlada a pandemia.

Segundo o Ministerio de Sanidade a maior incidencia da Covid segue a afectar ao grupo de 20 a 29 anos, cuxa vacinación arranca a semana que vén. Supera os 2.000 casos novos por cada 100.000 habitantes, marca á que se achega tamén o colectivo de 12 a 19.

O pico, a primeiros de agosto

"Seguimos crecendo e é de esperar que sigamos sumando activos en todo o territorio durante esta semana e probabelmente a que vén", sinala Ramil. Mais precisa  que de continuar a desaceleración do crecemento de contaxios a respecto das semanas interiores "podemos alcanzar o pico de incidencia desta quinta vaga, sendo optimistas, nos primeiros días de agosto".

Os casos irán en aumento pero o ritmo de subida irase atenuando de se manter a caída incipiente da razón de taxas, que amosa a situación da incidencia a respecto da semana anterior. Así, Ramil proxecta un incremento das infección activas até un máximo de "entre 25.000 e 27.000". A dúbida principal, engade, "dada a situación actual, con máis da metade da poboación vacinada,  o nivel de transmisión coñecido e as medidas de restrición adoptadas, é saber como vai ser o descenso".

En todo o Estado hai territorios que xa están anticipando unha baixada da aceleración dos contaxios que cómpre poñer en relación co alto índice de positividade e coa "cantidade de tests que se están a realizar por cada caso positivo, á baixa de forma global en todas as comunidades. Iso, pode indicar a existencia dun infradiagnóstico" que comprometa o control da pandemia, advirte.

Doutra banda, Nacho Ramil, salienta os resultados que ofrece o equipo de CovidBens nas augas residuais da área metropolitana da Coruña, cun "crecemento exponencial" da carga viral de SARS-CoV-2 e a variante Delta xa por diante da Alfa; polo non descarta ningunha opción tras alcanzar o pico de contaxios: "pode comezar un descenso claro ou pode iniciarse unha desaceleración que simplemente manteña unha suba máis pausada".

A hospitalización seguirá á alza

Cun pico de incidencia nos primeiros días de agosto na contorna dos 25.000 casos activos, Nacho Ramil estima un incremento das hospitalizacións cuxa marca se alcanzaría entre sete e 10 días máis tarde e que podería alcanzar os 350 ingresos totais polo coronavirus, "unha sexta parte menos dos que poderían chegar a rexistrarse coa incidencia actual se non tivésemos vacinas". Estes fármacos severidade da doenza e afundiron a mortalidade que "pasou dun 2% a case un por mil casos", o que non impide que poida haber falementos puntuais de persoas inesperadas".

Cambios nas restricións

Desde esta medianoite, Galiza busca frear a transmisión do coronavirus baixo o mandato de novas restricións. O DOG extraordinario publicado a pasada quinta feira recolle boa parte das medidas avanzadas polo presidente da Xunta tras a reunión semanal do Comité Clínico, mais tamén introduce cambios a respecto dalgúns límites anunciados por Alberto Núñez Feixoo.

Tras informar do feche total do lecer nocturno nos 36 municipios con maior incidencia da Covid,  a Xunta autoriza a apertura das terrazas de pubs e discotecas até a 1 da madrugada a 50% da súa capacidade nos concellos en nivel máximo e alto. Ademais, permite reabrir bingos, casinos e salóns recreativos nos sete concellos  en nivel máximo -Sanxenxo, Cambados, Meaño, O Grove, A Pobra, Boiro e O Barco-. Poderán realizar a súa actividade sempre que non superen 30% da súa capacidade e controlen o acceso mediante certificado de vacinación, test negativo ou documento acreditativo da superación da enfermidade.

Doutra banda, o Goberno galego autoriza concertos en todos os concellos galegos, independentemente do nivel de contaxios, con público sentado que poderá oscilar entre as 2.500 persoas e as 5.000 en localidades con menos incidencia. Neste caso, o grupo de municipios do nivel medio baixo, tamén poderán organizar espectáculos ao aire libre con público de pé, que non poderá superar 33% da superficie útil do recinto e un máximo de 2.000 asistentes.

Dereito de reunión

O DOG extraordinario que recolle as novas medidas anti Covid da Xunta non recolle as restricións anunciadas por Núñez Feixoo chamadas a limitar o dereito de reunión de non conviventes. Porén o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza autorizou esta sexta feira as restricións solicitadas en espazos públicos e privados mais de madrugada. Estarán en vigor até o 7 de agosto.