IAGO VARELA, MALLANDO NO ANDROID

"As cifras de Google en Europa roldan o 90% de utentes"

Iago Varela [Imaxe cedida polo entrevistado]

Conversamos co editor de Mallando no Android sobre a investigación aberta pola Comisión europea contra Android e a posíbel sanción a Google por posición dominante no mercado da UE. 

 

A Comisión europea enviou un prego de cargos contra Google após considerar que o seu proceder nalgúns dos servizos que ofrece, nomeadamente Google Shopping, evidencia un posicionamento dominante a respeito doutras empresas do mercado. A comisaria de Competencia, Margrethe Vestager, advertiu o xigante estadounidense que podería incorrer nunha ilegalidade que lle carrexaría unha sanción económica do 10% do seu valor de negocio. Porén, que é o que está a facer Google e que responde a transnacional perante as acusacións lanzadas por Bruxelas? 

Respondemos a estas e outras cuestións da man de Iago Varela, enxeñeiro de Telecomunicacións e editor do bloque de tecnoloxía Mallando no Android. 

Que é Google Shopping?
É un comparador de prezos. Se buscas un produto através deste servizo aparécenche distintas opcións e prezos procedentes de diversas tendas virtuais. 

Que é o que está a facer Google para que for apercibido e mesmo ameazado con ser sancionado pola Comisión europea?
Hai dúas partes. Dunha banda, a comisaria entende que os resultados ofrecidos por Google Shopping poden responder aos seus intereses. Por exemplo, que tivese un acordo con Amazon para priorizar as súas ofertas. Doutra banda, di que Android está a coartar a liberdade d@s utentes ao introducir de serie as aplicacións de Google como Gmail, Google Store ou Google Calendar. A empresa xa achegou unha resposta através dunha gráfica na que compara as compras entre Google Shopping e outras empresas como Ebay ou Amazon. Asegura que non se está a favorecer a si propio porque as demais tendas continúan a funcionar embora ser dominante no mercado. Basicamente está a botar balóns fóra. 

Na práctica funciona como un monopolio?
As cifras de Google en Europa roldan o 90% de utentes mais deféndese dicindo que a xente pode elixir. En relación coas aplicacións móbeis asegura que son os fabricantes os que deciden que App instalar e exemplifícao co último smartphone de Android no que instala as aplicacións de Microsoft. 

A sanción que podería impor a Comsión é do 10% do valor de negocio...
Serían 6 mil millóns de dólares. É bastante mais non vai caer en bancarrota. [Ri].

"Tendemos a ser moi agresivos porén, desde o sofá, separándonos cada vez máis da vida real"

Google, e outras empresas, foron protagonistas tamén polas filtracións de Eduard Snowden...
Estas empresas ofrecen servizos moi atractivos e semella que o fan gratis polo que caemos como moscas. Porén, non nos decatamos que tamén teñen os seus intereses, véndense dados entre elas e véndennos publicidade axustada aos nosos intereses. Así as cousas e, cando menos publicamente, sempre se amosan contrarias a que os gobernos accedan ás súas bases de dados. 

A pasada fin de semana publicabamos Grindr, Tinder, Brenda, ligar 'en rede'. Cada vez trasladamos máis partes da nosa vida ao espazo virtual...
Estamos a pensar cada vez máis a nosa vida de maneira on-line usando aplicacións para todo. Iso vese claramente tamén nos movementos políticos, algúns deles con forte presenza nas redes. Transmiten através destes espazos a súa disconformidade e carraxe perante as inxustizas mais esta non reverte nas rúas. Tendemos a ser moi agresivos porén, desde o sofá, separándonos cada vez máis da vida real.