Denúnciao a CIG

As cifras da OPE no Ensino “están feitas a medida da propaganda do Partido Popular”

CIG-Ensino afirma que as cifras da “grande” oferta de emprego no ensino público poñen en risco “centos de postos de traballo de persoal interino”. 

CIG-Ensino considera que a Oferta de emprego público (OPE) presentada pola Consellería na Mesa Sectorial dá por bos os recortes destes últimos anos e “limita calquera oferta de prazas aos actuais cadros de persoal, negando a posibilidade de irmos máis aló e recuperar o profesorado co que contabamos no comezo da crise”.

 

O principal sindicato entre os traballadores e traballadoras do ensino galego ve a oferta “afastada da realidade”. Indica, a modo de exemplo, que as cifras da oferta de emprego docente de 2018 inclúen 262 prazas de acceso do grupo A2 ao A1. “Estas prazas, no caso de non se cubrir nesta quenda, non se acumulan ao acceso xeral, polo que desaparecen”.

 

“Na últimas oposicións de acceso de A2-A1 na especialidade de Matemáticas tan só se matriculou unha persoa en cada convocatoria e que o ano pasado non se chegou a presentar ninguén. Aínda así, a Consellaría ofrece 52 prazas para este acceso en 2018, o que implica un incremento de case 50% no número de prazas dos dous anos anteriores conxuntamente”.

 

A cuestión, explica o sindicato, non é que non se oferten prazas de promoción interna, “un dos escasos mecanismos de promoción ao longo da vida profesional dos e das docentes”. A polémica, afirma, radica nas cifras ofertadas “que parecen responder máis a necesidades propagandísticas da Consellaría que á propia realidade da demanda a día de hoxe”.

 

Outros datos determinantes na valoración desta oferta de emprego son, por un lado, o efecto que pode causar no persoal interino galego e, por outro, como se fixaron os criterios para decidir cantas prazas se debían ofertar..

 

“Nun momento no que a principal preocupación dos diferentes gobernos semella ser quitarse de enriba un problema que eles mesmo causaron, o incremento de persoal interino por mor das taxas de reposición e da conxelación de oposicións en moitas especialidades, a CIG-Ensino considera que hai que ver máis alá das cifras e reparar nas persoas. Moitas delas ademais colaboraron en precario a soster o sistema educativo nos últimos anos. Mais a raíz da incerteza causada polas últimas sentenzas europeas, co recoñecemento do dereito a indemnización de 20 días por ano tras o cese aínda sen aclarar, todo indica que os gobernos, tanto en Madrid como no país, decidiron que a mellor vía é quitarse de en medio o persoal interino que agora lles molesta”.