Cífranse en 50 as penas rebaixadas na Galiza após a aplicación da lei de 'só si é si' de entre as 104 revisadas

Sede do TSXG na Coruña (Foto: Xoán Roberes)
Ningunha das catro audiencias galegas facilitou ao CXPX datos sobre as excarceracións que se produciron tras estas rebaixas de penas.

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) informou esta quinta feira que até o 1 de marzo se produciron na Galiza un total de 104 revisións de condena das cales 50 supuxeran unha rebaixa da pena do reo pola coñecida como lei do 'só si é si', segundo os datos que solicitou dos tribunais.

En concreto, a Audiencia provincial da Coruña revisou 49 casos, diminuíndo a pena a 15 presos, mentres que a de Lugo fixo o propio con sete casos e cinco deles foron beneficiosos para o encarcerado.

Pola súa parte, a Audiencia Provincial de Ourense levou a cabo 12 revisións e delas nove supuxeron unha baixada de pena, mentres que en Pontevedra foron un total de 28 as revisións, con 16 reducións.

Ademais, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) analizou oito casos, reducindo a pena a cinco dos presos.

Con todo, ningunha das catro audiencias galegas facilitou ao CXPX datos sobre as excarceracións que se produciron tras estas rebaixas de penas, aínda que si transcenderon algúns casos de reos que quedaron en liberdade na Galiza tras unha redución de condena.

Menos rebaixas

Con todo, a maior parte dos xuíces que están a revisar penas a persoas condenadas por delitos sexuais non as están a rebaixar, segundo indicou a ministra de Igualdade, Irene Montero.

De feito non se rebaixaron tantas como as que foron rexeitadas segundo datos do Goberno estatal.

A nivel estatal, o Consello Xeral do Poder Xudicial informou de que até o 1 de marzo producíronse 721 rebaixas de pena e 74 excarceracións debido ás revisións efectuadas pola 'lei do só si é si'.