En 24 horas rexistráronse 457 novos casos de Covid-19

A cifra de positivos descende pero a de falecementos segue en aumento

Imaxe das rúas de Vilalba, que ve aumentadas as restricións. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publica os datos recollidos para este domingo, onde se reflicte unha baixada no número de novos casos pero a cifra de defuncións aumenta en cinco.

Os contaxios diarios por mor da Covid-19 redúcense en case un cento, por segunda xornada, até situarse nos 457 positivos. Isto débese, de modo importante, ao descenso producido nas áreas sanitarias de Vigo, de Pontevedra-O Salnés e de Compostela-Barbanza. Non obstante, na zona hospitalaria da Coruña-Cee, de Ferrol, de Ourense e de Lugo producíronse leves subidas nos seus totais.

Tamén continúan á alza as vítimas mortais da Covid-19, nesta xornada a cifra sitúase en 1.137,o que implica cinco novos falecementos, dos que un estaba relacionado coas residencias de anciáns.

Segundo os datos deste domingo emitidos pola Consellaría de Sanidade, con cifras reunidas até as 18 horas do sábado, a área da Coruña-Cee convértese no principal foco de Covid-19 con 125 novas infeccións detectadas, 15 máis que un día atrás.

Nun contexto de ascenso de casos sitúanse tamén as áreas de Ferrol, que chega aos 51 positivos diarios, 16 máis que o sábado, e Ourense, que se pon nos 40 positivos, seis máis que na xornada anterior.

Pola súa parte, a área sanitaria de Lugo mantense estábel con 56 positivos, sumando unicamente un novo caso desde o cómputo de onte.

A cara oposta desta situación é agora a área sanitaria de Vigo, a segunda en canto a infeccións en 24 horas, ao caer en más do dobre e colocarse nas 80 persoas contaxiadas, 91 menos respecto do sábado.

Tamén baixou a cifra de contaxios na área de Pontevedra-O Salnés, con 51 novos contaxios rexistrados, 36 menos que na véspera, e na de Compostela-Barbanza, con 54 novos casos, 15 menos.

O datos de Sanidade reflicten que até o momento se realizaron un total de 847.998 PCR na Galiza, o que implica que en 24 horas se fixeron 7.131 tests.

De todas elas, 6,8% deron un resultado positivo, polo que, a pesar do descenso, aínda nos situamos por riba de 5% que marca la Organización Mundial de la Saúde (OMS) para dar por controlada la pandemia.

Todas as áreas sanitarias a excepción da de Compostela-Barbanza (con 4,3%) superan este límite. A de Ferrol rexistra a maior positividade, que se dispara a 20,8%, e séguena Lugo (8,9%), A Coruña-Cee (8,2%), Vigo (5,8%), Ourense (5,8%) e Pontevedra-O Salnés (5,7%).

En canto ao total de persoas que a día de hoxe seguen a padecer a enfermidade, a cifra baixo en 150 pacientes, situándose en 8.828. A caída produciuse en todas as áreas sanitarias agás na de Ferrol, onde subiu en 14 pacientes situándose nos 675.

A área coa maior cifra de casos activos é a de Vigo, que este domingo notifica 2.320, 68 menos que o sábado. Tamén anotaron descensos as áreas da Coruña-Cee, con 1.842 (con 12 pacientes menos); e Pontevedra-O Salnés, con 1.235 (con 7 enfermos menos).

Tamén baixou o total de pacientes de Covid-19 en Lugo, até os 1.117 (o que supón 22 menos); en Compostela- Barbanza, que se sitúa en 975 (un total de 30 pacientes menos); e en Ourense, que rexistra 664 casos activos (é dicir, 25 casos menos).