A cifra de mortos ascende a 3 e a de desaparecidos a 4 no accidente de Cerdedo

Os servizos de emerxencias nas proximidades do autobús sinistrado no río Lérez. (Foto:Nós Diario).

Os servizos de rescate que traballan en Pedre na busca dos desaparecidos do sinistro de onte veñen de recuperar un novo cadáver, polo que as vítimas mortais do accidente xa ascenden a tres.

O operativo de rescate desprazado a Pedre, no concello de Cerdedo-Cotobade, para traballar na busca das vítimas do sinistro acontecido na noite de onte, atoparon na maña de hoxe o cadáver dunha muller que viaxaba no autobús de Monbus accidentado.

As unidades de bombeiros Pontevedra, Deza, Salnés e o GES da Estrada ocupadas nestas labores, retomaron á actividade ás 10 da mañá, ao verse obrigados onte a paralizar a busca.

O operativo de rescate conta desde hoxe coa colaboración do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias cun posto de mando avanzado así como o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce).

As autoridades ao mando deste traballo anuncian que continuaran a busca ao longo de toda a xornada, ficando aínda por recuperar dous desaparecidos. Neste momento, o número de mortos ascende a tres.

As dúas persoas rescatadas con vida atópanse neste momento hospitalizadas. Unha delas, o condutor do vehículo foi sometido ás probas de drogas e alcoholismo, dando negativo nas mesmas.

Catro desaparecidos

A cifra de desaparecidos é de catro persoas. Neste sentido, tense manifestado a subdelegada do Goberno do Estado en Pontevedra, Maica Larriba, quen confirmou que no vehículo viaxaban nove persoas.

As forzas de seguridade do Estado sinalaron que o primeiro aviso do sinistro chegou dunha persoa que observou a barreira da vía esnaquizada no punto do accidente.

O 112 recibiu , tamén, chamadas de auxilio desde o interior do autobús accidentado. Precisamente, un dos ocupantes indicou con que liña e empresa coincidía o vehículo.

O pasaxeiro alertou que o vehículo se atopaba no río e o habitáculo comezaba a encherse de auga, porén non puido confirmar o número exacto de viaxeiros.