A cifra de hospitalizacións pola Covid baixa das 400

Usuarias dos hospitais galegos defenden que a Covid-19 segue a obstaculizar a asistencia sanitaria (Carlos Castro / Europa Pres).
Entre a quinta feira e onte rexistrouse unha repunta dos novos contaxios pola Covid-19.

Galiza suma 337 novos positivos por coronavirus nunha xornada, unha repunta de 47 respecto aos comunicados na xornada anterior. Así se desprende da actualización publicada está mañá na Consellaría de Sanidade e con datos recollidos até as 18 horas de onte. Segundo informa Sanidade a presión hospitalaria continúa a baixar, situándose en 398 pacientes ingresados 61 nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI).Consultadas por Nós Diario, expertas e expertos valoran que a relaxación das medidas se teña producido con exceisva rapidez.

Pese ao descenso global, a área sanitaria da Coruña e Cee continúa á fronte da áreas en volume de pacientes contaxiados da Covid-19 ingresados. Son un tola de 125, dos cales 22 están nunha unidade de críticos. Detrás desta sitúase a de Vigo, con 77 hospitalizacións, 12 delas en UCI. Entre as dúas suman 33 dos 61 doentes que se atopan actualmente na Galiza nunha unidade de críticos.

No extremo contrario sitúase a área de Lugo, A Mariña e Monforte con 26 persoas hospitalizadas, unha en coidados intensivos. Na de Pontevedra e O Salnés rexistrouse un leve incremento, con 51 doentes ingresados, 9 deles unha UCI. Baixan na de Compostela e O Barbanza, con 42 doentes hospitalizados dos que 6 permanecen nunha unidade de críticos.

Na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras tamén diminúen os ingresos, 41 en unidades ordinarias e cinco nunha UCI. Por último, na de Ferrol tamén descenden as hospitalizacións, con 29 pacientes nunha unidade convencional e seis en coidados intensivos.

Alza dos positivos diarios

Galiza sumou un total de 337 novos positivos por coronavirus entre a quinta feira e onte, unha repunta de 47 respecto ao período anterior. Aínda que lixeiramente, as probas PCR realizadas tamén aumentaron, 300 máis até alcanzar as 5.407. A área sanitaria de Vigo repite como a que máis contaxios novos detecta, 101. Séguea a da Coruña e Cee con 68.

Tamén rexistran subas nas infeccións as áreas da Lugo, A Mariña e Monforte, con 39 novos casos; a de Pontevedra e O Salnés, con 28 e mais a de Ferrol, con 33. En tanto, rexistran un descenso as de Compostela e O Barbanza, con 45 novos positivos localizados, e a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, con 13.

O total de casos activos no país mantén a súa tendencia á baixa e cae da cifra de 7.000 persoas contaxiadas. En concreto, sitúase en 6.948 infeccións activas, 188 menos que a xornada de onte. A diminución atinxe a todas as áreas sanitarias.

As PCR aumentan e tamén o fai a positividade, situándose en 7% co que Galiza aínda supera o limiar de 5% que marca a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia. En tanto, a taxa de positividade media nos últimos 7 días para o conxunto do país sitúase en 5,72% tal e como indica o informe Semáforo Covid de Daniel González Peña.

Falecementos

A falta de coñecer os datos deste sábado, a cifra de falecementos que está a deixar a crise sanitaria da Covid ascende a 1.236 persoas. Sanidade notificou onte a morte de 10 persoas contaxiadas da enfermidade, catro delas usuarios ou usuarias de residencias da terceira idade. No mes de novembro a consellaría notificou o pasamento de 280 persoas, a segunda peor cifra desde o inicio da pandemia en marzo.