Afectad@s estiman en 250.000 @s emigrantes que podería multar Facenda

Concentracións de Lugo, Ourense, A Coruña e Compostela [M.Montero]

Esta terza feira houbo concentracións perante os edificios da Axencia Tributaria en 16 concellos do País para reclamar a revogación dos 30.000 expedientes que xa foron abertos e a devolución do diñeiro das persoas que pagaron a sanción.


Até 250.000 podería chegar o número de emigrantes galeg@s a quen Facenda quere impor unha multa por non declarar entre 2008 e 2012 as súas pensións no estranxeiro, para alén do ingreso do diñeiro polo que non tributaron e o pagamento dos intereses. De momento, na Galiza son por volta de 30.000 as persoas que recibiron xa unha carta informando da sanción, mais "vai haber sorpresas para moita máis xente".

Así o sinalou o voceiro da Plataforma de afectad@s de Compostela, Manuel Domínguez, durante a concentración que se realizou esta terza feira perante os edificios da Axencia Tributaria de 16 concellos do País. Desmentindo o que a imprensa ten publicado a respeito de que @s emigrantes descoñecían o que debían facer coas súas pensións unha vez de volta na Galiza, Domínguez enfatizou que "coñeciamos a lei, mais coñeciamos outra versión". A que lles deron, segundo dixo, nas embaixadas, na propia Facenda e mesmo nas xestorías cando amañaron os papeis para percibir unha prestación do Estado español. 

Denunciou que esa foi a información facilitada @s xubilad@s que tiñan pensións doutros países "mesmo despois de que se aprobara esta lei que foi agochada por Zapatero e que agora sacan para nos dar con ela nos fuciños", queixouse Manuel Domínguez. O argumento de que a Lei 35/2006 levaba tempo aprobada non lles vale. Subliñou que "se estaba aí que nolo dixesen en 2008 e non vir con isto en 2013", rexeitando unha norma que, dixo, lles queren aplicar "de maneira retroactiva".

Exixen "o mesmo trato" que @s xubilad@s que cobran só de Madrid

A media que terán que pagar por familia serán 10.000 euros "e non son máis que mileuristas ou están no desemprego". A sanción de Facenda afecta a pensións que superan os 11.200 euros anuais, 950 euros ao mes. Isto supón "unha discriminación" a respeito d@s xubilad@s que só perciben unha prestación do Goberno español, onde a exención no pagamento se sitúa nos 22.000 euros. "Estamos obrigados a declarar cobrando a metade do diñeiro", subliñou Manuel Domínguez, que cualificou a inspección da Axencia Tributaria e a apertura dos expedientes como "un abuso de poder".

As mostras de repulsa perante a Lei repetíronse en todas as cidades. "Somos moitos afectados", explicou Celina Josenge, voceira da Plataforma de Ferrol. Mostrouse "indignada" e, malia que a ela non lle chegou aínda a carta reclamando que tribute pola pensión que vai recibir de Suiza, "estou pensando en deixala aló e pagar aló os impostos, sen mandar nada para a miña terra. É moi triste, seino, mais é ao que nos van obrigar".

En conversa con Sermos Galiza, Josenge razoou que "Suiza non che regala unha pensión, se nola pagan é porque xa cotizamos alí para poder recibila" e preguntouse "por que se ten que meter agora España?"

Vence: ''O PP aproba amnistías fiscais mais busca nos petos dos emigrantes''

Da concentración de Compostela fixo parte o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence; o deputado Francisco Jorquera; o secretario de organización, Bieito Lobeira; e, ao igual que no resto das cidades, representantes da formación frontista nos gobernos locais, no caso compostelán Rubén Cela. Aliás, tamén estivo presente o secretario comarcal da CIG, Anxo Noceda.

En declaracións aos medios de comunicación, Vence acusou o PP de "aprobar amnistías fiscais" namentres "busca nos petos dos emigrantes retornados recursos para rescatar a banca". Reclamou a cancelación de todos os expedientes abertos e instou o Goberno español a facer "tábula rasa" pois, segundo enfatizou o nacionalista, "non se poden perseguir familias con rendas modestas, non pode ser aí onde se busque a recuperación das contas públicas".

Como "un paradoxo de novela negra" cualificou a política fiscal emprendida desde o ministerio que dirixe Cristóbal Montoro. "Está deixando que as grandes fortunas e as Sicav --sociedades de investimento de capital variábel-- non paguen impostos, estabelece unha amnistía fiscal para os grandes patrimonios e quita das rendas sociais máis desfavorecidas os recursos para a banca".