Cientistas alemáns prevén un accidente nuclear grave no mundo a cada 10 ou 20 anos

Central de enerxía nuclear
Os cálculos de Instituto Max Plank de Química (MPIC) sinalan que actualmente as probabilidades de acontecer un Chernobil ou un Fukushima son 200 veces superiores ás que se calculaban na década de 90

Joe Lelieveld, director do prestixioso e recoñecido Instituto Max Planck de Química de Alemaña, vén de dirixir un estudo cuxas conclusións están a provocar un forte debate non só na comunidade cientifica, mais tamén na ambiental e na sociedade europea en xeral.

Este estudo afirma que un accidente nuclear de carácter grave e “catastrófico” pode ter lugar en calquera parte do Planeta unha vez cada 10 ou 20 anos. O que supón unha probabilidade 200 veces maior das derivadas dos anteriores cálculos ao respecto, feitos en Estados Unidos na pasada década dos 90.

O informe alemán realizouse en base ao estudo dos 440 reactores nucleares para usos civís que están actualmente operativos. Os e as científicas lembran, e alertan, de que hai outros 60 reactores en construción.

Unha fusión de reactor: 28 millóns de europe@s afectad@s

A comunidade investigadora lembra que se houber hoxe en Europa unha fusión dun reactor con emisión de radioactividade ao exterior (como aconteceu no seu momento en Chernobil ou máis recentemente en Fukushima) uns 28 millóns de europe@s serían afectad@s pola contaminación radioactiva. Unha cifra que, de acontecer un suceso así en Asia sería de 34 millóns de persoas, por mor da maior densidade demográfica; ou só no leste dos EE.UU, de entre 14 e 21 millóns de habitantes.

Á vista destes resultados, @s cientistas que tomaron parte no estudo consideran indispensábel que se realicen novas análises e avaliacións en profundidade dos riscos asociados á enerxía nuclear. Neste senso, o director do Max Planck avoga por un acordo internacional de calado para ir abandonando de forma progresiva a enerxía nuclear.