Ciencia próxima para a reflexión

Xosé A. Fraga (Galipedia).
Xosé A. Fraga, doutor en Bioloxía e ex director dos Museos Científicos da Coruña presenta Ciencia próxima. Episodios sobre a cultura científica na área coruñesa, un libro editado por Espacio Cultura que explica en 78 relatos a pegada que deixou a Ciencia na cidade desde mediados do século XVIII.

Ciencia próxima recompila os episodios da cultura científica que desde o ano 2014 Xosé A. Fraga publica no xornal La Opinión. «Son as mesmas pezas, revisadas e con ilustracións novas, que respectan o seu obxectivo orixinal: achegar ao público xeral o coñecemento científico», explica o autor.

A idea de xuntalos todos nun volume único xurdiu da experiencia lectora dente próxima e da propia observación de Xosé A. Fraga. Dunha banda, apunta, esta selección publicada por xunto, permite compensar «a lectura apurada dos domingos cunha máis relaxada que convida á reflexión».

Doutra, incide, «co paso do tempo e con case 80 episodios sobre a mesa, deime conta de que narraban moi ben a integración da Ciencia na cidade», tamén porque a súa historia foi parella á propia historia do desenvolvemento científico.

Segundo conta, desde o momento en que se abren os Correos Marítimos cara América, «iníciase un diálogo no que a Ciencia e A Coruña se entenden». A vida científica empeza a prosperar da man dos colectivos sociais que habitaban a cidade.

Biografías e pensamentos científicos

Destaca a figura de Gonzalo Brañas, inventor e colaborador de Leonardo Torres Quevedo, tamén inventor; ou a súa irmá, Celia Brañas, unha muller da Ciencia rescatada polo autor para dar a coñecer o importante labor que desenvolveu desde a súa Cátedra de Ciencias Naturais.

«Comezan a aparecer figuras destacadas e outras que non chegará a gozar de recoñecemento» pero que son igualmente valiosas para a produción científica da comarca. Entre outros, destaca a figura de Gonzalo Brañas, inventor e colaborador de Leonardo Torres Quevedo, tamén inventor; ou a súa irmá, Celia Brañas, unha muller da Ciencia rescatada polo autor para dar a coñecer o importante labor que desenvolveu desde a súa Cátedra de Ciencias Naturais.

Ademais dos episodios biográficos, Xosé A. Fraga tamén fai un repaso histórico da produción e do pensamento científico, con episodios dedicados ao recibimento das teorías de Darwin na cidade ou ás travesías do mariño Mourelle, orixinal de Ponteceso, polas costas de Alaska.

O reto das investigadoras contemporáneas

Parece que hai unha maldición. Moitas investigadores vense obrigadas a marchar para desenvolver a súa carreira fóra da Galiza.

«E non deixo de lado a actualidade», salienta, «sobre todo a das investigadoras que se ven obrigadas a marchar da Galiza para desenvolver a súa carreira no estranxeiro. Parece que hai unha maldición. No século XIX o Absolutismo de Fernando VII truncou os proxectos de Fontán, Xosé Rodríguez, o matemático de Bermés, ou Ramón de la Sagra; a Guerra Civil expulsou a Isidro Parga Pondal; e agora, a raíz da crise, son moitas e moi ben formadas as que levan fóra o seu coñecemento porque aquí non teñen onde aplicalo. É gravísimo».

Ciencia próxima. Episodios sobre a cultura científica na área coruñesa, preséntase esta quinta feira na Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña (19 horas). O vindeiro 3 de decembro chegará a Compostela.